Espazo Común Punxín reclama proxectos "serios" e critica a falta de avances no polígono industrial

A agrupación Espazo Común Punxín lanzou unha serie de críticas á evolución dos proxectos anunciados para o municipio, con especial atención ao polígono industrial, do que asegura que non queda "nin rastro".
Segundo a súa valoración, a iniciativa foise transformando co paso do tempo. Na súa mensaxe lembran que primeiro se falou dun polígono industrial, despois dun centro multiusos de 5.000 m² e que agora se agardan novas ideas. O colectivo ironiza con esa sucesión de propostas e pide que sorprendan con algo diferente.
Sobre o polígono en concreto, a formación sostén que non se coñece ningún plano, ningún prazo nin ningunha empresa interesada. Nas súas palabras, o proxecto "esfumouse". Cun ton humorístico, engaden que os únicos polígonos que viron en Punxín son os que aparecían no programa infantil 'Barrio Sésamo'.
Espazo Común Punxín defende que un proxecto deste tipo non se constrúe con anuncios nin con vídeos atractivos, senón con empresas, servizos e unha xestión seria. A agrupación tamén menciona o problema do lixo na localidade, do que apunta que non fai falta anuncialo porque, a seu xuízo, "segue aí".
Como conclusión, o colectivo reclama menos maquetas e menos titulares, e máis proxectos rigorosos, así como respecto pola intelixencia dos veciños. Consideran que Punxín non precisa novas ideas cada mes, senón que se remate algunha das xa plantexadas.