Estabilizado o incendio da Mezquita e extinguido o do concello de Padrón

A Consellería do Medio Rural informa de que continúa activo desde as 04.06 horas de onte o incendio forestal do concello da Capela, parroquia da Capela, que, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta a unhas 30 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 13 axentes, 18 brigadas, 19 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros e 2 avións.
Tamén nesta provincia deuse por extinguido ás 20.02 horas de onte o lume rexistrado no concello de Padrón, parroquia de Herbón, que se iniciara o día 12 ás 16.01 horas e no que foi preciso declarar temporalmente a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación.
Finalmente, este incendio afectou unha superficie de 373,21 hectáreas, das cales 298,57 son arboradas e 74,64 rasas. Para a súa extinción mobilizáronse, de maneira acumulada, 7 técnicos, 132 axentes, 166 brigadas, 122 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.
En Ourense xa está estabilizado o da Mezquita-Manzalvos. Quedou estabilizado ás 22.15 horas de onte o lume do concello da Mezquita, parroquia de Manzalvos, que entrou desde Portugal ás 07.18 horas de onte. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada en Galicia é de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 9 axentes, 16 brigadas, 9 motobombas, 4 pas, 7 avións e 7 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que alcanzan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo Twitter): @incendios085.