Estado e Xunta ofertarán actividades de educación vial nos colexios do rural ourensán
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, asistiu este mércores á presentación do programa de actividades de educación e seguridade vial que a Dirección Xeral de Tráfico, conxuntamente con Protección Civil, veñen desenrolando cada curso escolar nos colexios rurais de educación infantil, primaria e agrupados da provincia.
Como exemplo da colaboración interadministrativa entre o Estado e a Xunta de Galicia, e da aposta de ambos pola seguridade vial, durante o mes de setembro serán ofertadas aos centros educativos as actividades que se organizarán ao longo do curso 2024/2025 e que, ao igual que en anos anteriores, inclúen tres propostas a realizar no mesmo día. En primeiro lugar, un circuíto con material de tráfico que instala e supervisa Protección Civil, e que os escolares realizan con bicicletas, patinetes e cascos. En segundo, unha charla sobre unha materia de especial interese para o centro (como o uso das bicicletas, seguridade para os peóns, etc). E, por último, unha exhibición de medios de vixilancia e emerxencias.
“A educación vial é un referente importante como elemento preventivo para evitar accidentes e lograr comportamentos axeitados na vida adulta, polo que este tipo de programas son unha inversión de futuro e son noticias das que nos sentimos orgullosos de dar como institucións participantes porque teñen un resultado a medio e longo prazo que revirte no benestar do cidadán. A prevención e a educación é mellor que a sanción”, destacou o subdelegado.
As actividades de educación vial atópanse englobadas dende o curso pasado no Plan Director para a Mellora da Convivencia e a Seguridade nos Centros educativos e as súas contornas, que tamén desenvolven conxuntamente o Estado e a Xunta de Galicia.
Balance do curso 2023/2024
Durante o curso escolar 2023/2024 este programa realizouse en 29 centros da provincia, chegando a máis de 3.700 alumnos.
Iniciativa á que se sumaron actividades semellantes que se desenrolaron na asociación de veciños As Termas (Ourense) e tres eventos en centros educativos de Castro Caldelas, Xunqueira de Ambía e no Concello de Taboadela, que xurdiron fóra da programación inicial; así como outras que Tráfico levou a cabo en centros de educación secundaria e centros de maiores da provincia.
Na presentación do programa de actividades para o novo curso participaron, ademais do subdelegado do Goberno, o xefe provincial de Tráfico en Ourense, David Llorente; o capitán da Garda Civil de Tráfico, Javier Barja; a directora territorial de Presidencia da Xunta, Beatriz Fernández; o xefe do Servizo de Emerxencias, Olivier Reboredo; o técnico de Emerxencias, Constantino Prado; e a xefa da unidade de Protección Civil da Subdelegación do Goberno en Ourense, Mari Carmen Lodos.