ESTETA Teatro colleita varios premios en FETAGAL

ESTETA Teatro, compañía teatral de Taboadela, colleitou varios recoñecementos na gala dos I Premios FETEAGAL Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego, celebrada este sábado no Teatro Colón da Coruña.
Durante a cita, ESTETA sumou distintos premios que poñen en valor o traballo desenvolvido pola compañía ao longo da última tempada. Entre os galardóns obtidos figura o de Mellor Dirección, outorgado a David Vázquez Nóvoa polo seu traballo na obra 'A Puta Namorada', montaxe que tamén lle valeu o premio a Mellor Guión Adaptado. Esta mesma produción recibiu ademais o recoñecemento ao Mellor Vestiario.
A estes premios sumouse outro máis, o de Mellor Espectáculo Costumista, que recaeu na obra 'Os Marcos da Vida'.
Os éxitos colleitados por ESTETA Teatro nesta primeira edición dos premios poñen de relevo a traxectoria da compañía, que con estas producións logrou situarse entre o máis destacado do panorama teatral afeccionado galego. O recoñecemento acada tanto a dirección e o guión asinados por David Vázquez Nóvoa como o traballo conxunto dos elencos e de todo o equipo humano e técnico que participa en cada función, pezas clave para que as montaxes da compañía cheguen a escenarios como o Teatro Colón coruñés.
Dende o Concello de Taboadela quixéronse felicitar publicamente a ESTETA Teatro por estes logros, destacando o orgullo que supón para o municipio contar cunha compañía capaz de proxectar a súa cultura máis alá das súas fronteiras.