Esteta Teatro fai historia ao recibir o Premio Escenamateur Juan Mayorga ao mellor espectáculo en lingua oficial distinta do castelán

GaliciaXa | OurenseXa
O grupo de teatro de Taboadela foi recoñecido na gala celebrada en Getxo, nun galardón considerado o máis prestixioso do teatro afeccionado a nivel estatal
esteta-premio-juan-mayoraga
27 Jun 2026

O grupo de teatro Esteta de Taboadela celebrou o pasado sábado a obtención do Premio Escenamateur Juan Mayorga das Artes Escénicas ao Mellor Espectáculo nunha lingua oficial diferente ao castelán, nunha gala celebrada no Muxikebarri Zentro de Getxo.

Os Premios Juan Mayorga están considerados na actualidade como os galardóns máis relevantes do teatro afeccionado no ámbito estatal, polo que o recoñecemento supón un fito destacado para esta formación teatral.

O grupo subliña que este premio ten un valor que vai máis alá do escenario, xa que chega a unha compañía nacida nun concello pequeno como Taboadela. Neste sentido, destacan que o galardón demostra que “a paixón, o traballo, a constancia e o amor pola cultura poden levar moi lonxe un proxecto construído desde a ilusión”.

ESTETA pon tamén en valor o recoñecemento ao teatro en galego, defendendo que traballar nesta lingua supón “manter viva unha forma de sentir, de contar historias e de entender quen somos”, e salientan que o galego “ten voz propia enriba dos escenarios, emociona, conecta e merece ocupar todos os espazos posibles”.

Na gala, o grupo estivo representado por catro membros, entre eles David Vázquez, director de ESTETA, e Elena Varela, secretaria da organización, que foron os encargados de recoller o premio en nome da compañía.

Desde Esteta quixeron ademais agradecer o apoio do Concello de Taboadela, ao que recoñecen o seu acompañamento desde os inicios do proxecto e a súa colaboración no seu desenvolvemento.

O grupo considera que este galardón pertence a todas as persoas que forman ou formaron parte da compañía, así como ao público que os acompaña función tras función e a quen aposta pola cultura feita desde o ámbito rural.

0.12541699409485