Estudantes de España e Alemaña participan en Ourense no Joint Seminar
Como cada ano, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra unha nova edición do seu 'Joint Seminar' coa universidade alemá Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes (HTW Saar), de Saarbrücken.
Ao longo dunha semana, estudantes de Turismo Internacional procedentes de Alemaña e do campus de Ourense abordarán diferentes aspectos relacionadas coa xestión cultural e o turismo, dedicando especial atención aos produtos rexionais neste eido, e traballarán en pequenos grupos mixtos diferentes propostas.
O estudantado alemán terá, ademais, a oportunidade de coñecer o patrimonio cultural non só da provincia, senón de toda a comunidade, a través dunha serie de visitas culturais que os levarán a percorrer Santiago de Compostela, Ourense e Ribadavia.
María Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, explica que o seminario forma parte das iniciativas de internacionalización da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, que perseguen que o seu alumnado estea cada vez máis exposto ao traballo noutras linguas e con outras realidades socioculturais que melloren a súa formación.