Europe Direct Galicia presentará en San Xoán de Río pUEzzle, un xogo cooperativo para achegar a Unión Europea á mocidade

Europe Direct Galicia, o servizo de información europea da Fundación Galicia Europa, estreará o próximo 13 de agosto pUEzzle, un novo xogo cooperativo deseñado para divulgar a historia, o funcionamento e os valores da Unión Europea entre a mocidade a través da participación e do traballo en equipo.
A estrea terá lugar na área recreativa de San Xoán de Río, coincidindo coa celebración dun encontro internacional xuvenil organizado polo Concello dentro do proxecto europeo Rural EU, no que participan delegacións de España, Italia, Croacia e Romanía.
A proposta desenvolverase sobre unha gran lona instalada ao aire libre que representará a Unión Europea. Ao longo da actividade, as persoas participantes deberán resolver distintos retos para completar de maneira conxunta a construción deste espazo simbólico.
O primeiro desafío consistirá en completar a bandeira europea identificando doce beneficios asociados á Unión Europea entre varias opcións. Posteriormente, os participantes terán que reconstruír o mapa comunitario situando os Estados membros segundo a orde cronolóxica das distintas ampliacións da UE, desde os seis países fundadores en 1957 ata a incorporación de Croacia en 2013, incluíndo tamén unha referencia á saída do Reino Unido tras o Brexit.
Unha das principais características de pUEzzle é o seu carácter cooperativo. A diferenza doutros xogos, a actividade non contempla vencedores nin derrotados, senón que todas as probas están concibidas para que o grupo avance unido e alcance un obxectivo común. Na parte final da experiencia desaparece incluso a división por equipos, reforzando a idea de cooperación entre todas as persoas participantes.
Como lembranza da actividade, cada mozo e moza recibirá un “Pasaporte de Arquitecto Europeo”, un documento simbólico que irá completando con selos a medida que supere as distintas fases do percorrido.
O xogo está pensado para persoas de entre 18 e 30 anos e non require coñecementos previos sobre a Unión Europea. Ademais, foi deseñado para poder empregarse tamén noutros ámbitos, como centros educativos, universidades ou actividades dirixidas á mocidade.
O desenvolvemento de pUEzzle foi realizado por Apoio Cooperativo en colaboración co equipo técnico da Fundación Galicia Europa.