Expertos internacionais reuníronse en Expourense no XIX Simposio sobre Enerxías Renovables

Expourense acolleu este xoves a décimo novena edición do Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables, unha cita que volveu situar a xeotermia como eixe central a través da presentación de experiencias de éxito en distintos países.
O contexto internacional marcado por conflitos como a guerra entre Rusia e Ucraína ou as tensións con Irán estivo moi presente durante a xornada. Os participantes coincidiron en sinalar a necesidade de apostar por fontes enerxéticas propias para reducir a dependencia de combustibles fósiles importados. Neste sentido, expuxéronse exemplos como comunidades enerxéticas autosuficientes en Dinamarca ou grandes infraestruturas que empregan a xeotermia como sistema principal tanto para calefacción como para refrixeración.
O encontro estivo dirixido a profesionais do ámbito da edificación —arquitectos, enxeñeiros e instaladores— e reuniu arredor de 120 asistentes procedentes de Galicia e Portugal. O programa contou con nove relatoras e relatores vinculados a empresas de referencia en arquitectura sostible en países como España, Portugal, Dinamarca, Suíza e Italia. Entre eles destacou a directora xeral de Enerxía de Portugal, Carla Lourenço, quen abordou o desenvolvemento da xeotermia no seu país e a súa aplicación en edificios institucionais, residenciais e empresariais.
A xornada comezou cunha intervención do director xeral de Planificación Enerxética e Minas e responsable do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Pablo Fernández Vila, quen presentou as liñas de axuda dispoñibles en eficiencia enerxética e enerxías renovables.
Un dos momentos destacados foi a intervención do presidente do Consello de Administración de Thermonet Europa, Søren Skjold Andersen, que explicou o funcionamento de redes autosostibles de calefacción e refrixeración —coñecidas como “Thermonets”—, deseñadas para abastecer barrios ou comunidades cun modelo enerxético independente das grandes compañías.
A aplicación da xeotermia na transformación urbana tamén centrou outra das ponencias, a cargo de César Platero, de FCC Construcción, quen expuxo varios proxectos desenvolvidos en España. Entre eles citou actuacións en Madrid como o soterramento da A-5, La Nave en Villaverde ou a reconversión do antigo Mercado de Froitas de Legazpi nun complexo administrativo que utilizará esta fonte enerxética para a súa climatización.
O programa incluíu ademais intervencións centradas no uso das enerxías renovables en sectores específicos como a arquitectura, as adegas ou a industria, da man da empresa italiana Geonovis DRL, así como unha ponencia do suízo Mirko Possamai sobre os materiais empregados en instalacións xeotérmicas e as súas posibilidades de aplicación.
A sesión final abordou unha temática pouco habitual neste tipo de foros: a relación entre enerxía e criptomoedas. Jaime Cabello, de “Ahorrar para invertir”, explicou o proceso de “minería do bitcoin” e como optimizar o consumo enerxético para mellorar a rendibilidade.
O XIX Simposio sobre Enerxías Renovables foi organizado por Expourense en colaboración coa empresa ourensá INGEO-Investigación Geotérmica, co apoio do Instituto Enerxético de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.