Expertos participan en Ourense nunha nova edición da Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible (BioDeSost'24), organizada polo grupo EQ-2 da Universidade de Vigo. A cita, de carácter anual, celébrase desde o ano 2019 co obxectivo de abordar a investigación que se está a realizar na revalorización de materias primas e nos procesos de aproveitamento de biomasa para obter produtos de alto valor engadido.
O grupo EQ-2 conta con case unha vintena de investigadores e investigadoras e está recoñecido como grupo de excelencia pola institución académica e grupo de referencia pola Xunta de Galicia. “Con estas xornadas anuais, preténdese dar unha visión xeral das liñas de investigación desenvolvidas neste grupo focalizadas no uso de residuos de biomasa vexetal e mariña para obter produtos de alto valor engadido en diferentes ámbitos de aplicación, así coma a doutros especialistas cos que colabora”, afirman desde a organización.
A través de catro conferencias, investigadores procedentes de Italia, Brasil e Tunisia abordaron, a través de diversas temáticas o uso de residuos de biomasa vexetal e mariña para obter produtos de alto valor engadido.