Expourense acolle esta fin de semana o 15º Salón do Vehículo de Ocasión

OurenseXa
Trátase dunha cita coorganizada entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), na que participan 16 expositores
15º Salón do Vehículo de Ocasión
15º Salón do Vehículo de Ocasión
23 Nov 2024

Expourense ofrece esta fin de semana “o momento perfecto para mercar un coche de ocasión”, con 404 oportunidades para atopar o vehículo ideal con aforro, todas as garantías, facilidades de financiamento e entrega inmediata. Os 16 concesionarios ourensáns que participan no 15º Salón do Automóbil – Vehículo de Ocasión adiantan o “Black Friday” (venres 29 de novembro) e converten Expourense no lugar axeitado para adquirir un coche de ocasión coas mellores vantaxes.

Trátase dunha cita organizada conxuntamente entre Expourense e ACAUTO, na que 16 expositores presentan unha ampla mostra de vehículos de 25 marcas coas mellores condicións. O vicepresidente de ACAUTO, César Fernández, explicou esta mañá que este é “o momento perfecto para mercar un coche de ocasión porque as marcas pechamos o ano e necesitamos liberar o stock de coches de ocasión que temos nas nosas instalacións. O aumento do custo dos coches novos, sumado á incerteza á hora de escoller motorización, converteu o mercado de ocasión na opción máis buscada polos compradores. Mercas agora un diésel ou gasolina, ou mesmo híbrido, e dentro duns anos, cando todo estea máis claro, cámbialo cunha inversión menor que comprándoo novo”.

Entre as unidades que xa colgaban o cartel de “Vendido” a primeiras horas da xornada destacan as compradas polos damnificados da DANA de Valencia. O xerente de Toyota, Pablo Pérez, explicaba que “en Valencia os concesionarios están dando cita para dentro dun mes porque non dan feito nin teñen coches suficientes, e os afectados necesitan un coche de forma inmediata. Buscan información a través de Internet, o que os levou a dar con este salón. Esta mañá vendemos un Toyota Aygo a un cidadán de La Torre que trouxemos ao recinto, pero que tamén tiñamos anunciado na nosa web. Temos outro coche en negociacións para Valencia e seguramente haxa máis, porque o salón acaba de abrir”.

O Salón do Vehículo de Ocasión é unha cita moi agardada polo público, como quedou patente desde as primeiras horas desta xornada de apertura, xa que pouco despois de abrirse esta edición xa se podían ver os primeiros carteis de “Vendido”. “O visitante deste salón ten moi claro o que quere, está realmente interesado e vén coa intención clara de mercar. Chega canto antes porque é a mellor forma de que o coche que buscas ou necesitas non estea vendido”, informan desde ACAUTO, que hoxe reuniu boa parte da súa xunta directiva para sacarse unha foto de familia no recinto.

Este salón ofrece opcións de todas as marcas, modelos, prezos e gamas para responder á gran demanda que existe deste tipo de vehículos, xa que a suba dos prezos dos coches novos converteu os de ocasión nunha moi boa opción. O “coche tipo” no mercado de ocasión é, segundo explican desde ACAUTO, un SUV, diésel, cun prezo entre 10.000 e 20.000 euros, e con entre 4 e 8 anos de antigüidade. Mercar un vehículo nesta cita pode supoñer un aforro medio de entre 4.000 e 6.000 euros respecto a un novo, e dependendo do modelo, o aforro pode ser moito maior.

⚙ Configurar cookies
0.17519021034241