Expourense presenta a XXIII edición de Termatalia
A Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, organizada por Expourense, celebrará a súa 23ª edición do 24 ao 26 de setembro de 2025 na municipalidade termal de Paipa, situada no departamento de Boyacá, Colombia. Esta será a sexta edición en América e foi presentada esta tarde no stand de Galicia en FITUR-Madrid, coa asistencia de numerosos representantes públicos e privados do sector turístico e termal de España e Colombia, ademais de operadores turísticos e medios de comunicación procedentes de boa parte da trintena de países que cada ano participan nesta feira.
A presentación de Termatalia Colombia 2025 estivo a cargo do director da feira, Rogelio Martínez, que agradeceu a aposta de Colombia por converterse en sede desta cita internacional ineludible para os profesionais do sector, na que en cada edición participan expositores e visitantes dunha trintena de países de Europa e América Latina, principalmente. Indicou ademais que “agardamos que Colombia obteña os mesmos éxitos que as edicións anteriores, cuxos organizadores afirmaron que a celebración de Termatalia no seu país supuxo un antes e un despois no desenvolvemento e promoción dos seus recursos termais”.
SEXTA EDICIÓN EN AMÉRICA
Despois de El Callao-Lima (Perú) en 2012, Las Termas de Río Hondo (Arxentina) en 2014, Saltillo (México) en 2016, Foz de Iguaçú (Brasil) en 2018 e Salto e Paysandú (Uruguai) en 2023, a municipalidade de Paipa (sempre da man do departamento de Boyacá e de Procolombia) asume agora o reto de ser a sede física deste evento e de recibir os profesionais dunha trintena de países que participarán neste encontro. A feira consolida a alternancia de sede de celebración entre Ourense (sede fixa cando se celebra en Europa) e un país de América, interrompida en 2020 pola pandemia e recuperada en 2023 coa celebración de Termatalia Uruguai.
Termatalia é unha cita consolidada como a principal ponte termal entre Europa e América Latina, ao tempo que contribúe a promocionar internacionalmente o turismo de saúde de Ourense en particular e de Galicia en xeral. Este papel de ponte quedou patente a través das intervencións das autoridades que acompañaron ao director da feira durante a presentación: o alcalde de Paipa, Germán Camacho; o secretario de Turismo de Boyacá, Richard Pulido; o presidente de Balnearios de España e do Instituto para a Calidade Turística e a Sustentabilidade de España (ICTES), Miguel Mirones; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e o deputado provincial de Turismo e Termalismo de Ourense, Rosendo Fernández. Tamén asistiu á presentación o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.
O director de Termatalia explicou aos asistentes os obxectivos da feira para que comprendesen o interese de Paipa, Boyacá e Colombia por converterse en sede desta cita internacional imprescindible para os profesionais do sector. Termatalia é un centro de negocios do turismo de saúde e da industria termal, e tamén un foro de formación e capacitación especializada. Rogelio Martínez explicou que “esta feira é unha excelente oportunidade para posicionarse como destino de turismo de saúde, sendo o termalismo o principal atractivo ou combinándose con outros recursos turísticos, como poden ser a natureza ou a gastronomía” e indicou que “Paipa e Boyacá teñen todo o necesario para posicionarse internacionalmente como un dos grandes destinos termais de América Latina”.
EXEMPLO DE COOPERACIÓN
Termatalia consolídase ademais como un perfecto exemplo de cooperación público-privada e tamén iberoamericana, tal e como explicou durante a súa intervención o deputado de Turismo e Termalismo de Ourense, Rosendo Fernández, que fixo referencia a que “nesta 23ª edición, sitúase de novo como o epicentro mundial do turismo termal, a saúde e o benestar, ofrecendo un espazo único para os negocios, a formación e o networking. Termatalia é un exemplo indubidable dunha das máximas que defende a diario a Deputación de Ourense: a cooperación. Termatalia é un exemplo por si mesma dun espazo aberto, dinámico e plural desde onde promover o intercambio de experiencias desde unha perspectiva empresarial, institucional e social”.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo, pechou esta presentación facendo referencia a que “Galicia participa con ilusión e ganas, porque queremos expandir por e desde Colombia a toda América todas as calidades e atractivos que nos converteron na primeira potencia termal de España e segunda de Europa. Contamos cunha cidade, Ourense, que é a segunda europea con maiores reservas de augas mineromedicinais, só por detrás de Budapest. Por iso, desde a Xunta deseñamos o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028, que busca consolidar e reposicionar Galicia como referente do termalismo no ámbito internacional”. O delegado explicou ademais que “queremos dar a coñecer en Termatalia Colombia como xeramos en Galicia unha infraestrutura moderna e diversificada de balnearios e talasos, ata o punto de que constitúen o 20 % da oferta termal de toda España, situándonos á cabeza da oferta vinculada ao turismo de saúde”.
COLOMBIA – BOYACÁ – PAIPA
Colombia é na actualidade un dos destinos de moda en España, que xa é o principal mercado europeo para “o país da Beleza”. Entre xaneiro e outubro de 2024, máis de 131.000 visitantes españois viaxaron a Colombia, un 11 % máis que no mesmo período do ano anterior. A celebración de Termatalia en Colombia forma parte da estratexia de Procolombia (Axencia Gobernamental responsable da Promoción Turística deste país) para mostrar ao mundo a riqueza natural e cultural dos seus territorios, a transformación e o traballo que están a facer para promover Colombia como un destino moi diverso que ofrece experiencias únicas cun enfoque sempre na sustentabilidade, sendo un dos países líderes en turismo responsable. O turismo de saúde encaixa perfectamente nesta estratexia, e Termatalia converterase nunha ferramenta de promoción internacional dos seus recursos termais e das infraestruturas hoteleiras e servizos vinculados a eles.
O municipio de Paipa destaca polas súas augas termais famosas polas propiedades curativas e relaxantes, converténdose nun destino ideal para o turismo de saúde. Agora conta co primeiro Centro de Rehabilitación Física e Integral con Auga Termal de Colombia, xestionado polo Instituto Termal de Paipa, que lidera o turismo de saúde a nivel nacional. O Lago Sochagota, símbolo natural da localidade, ofrece un atractivo máis para actividades culturais e recreativas.