Expourense reunirá a unha vintena de concesionarios con coches novos e de ocasión no seu Salón do Automóbil

Expourense acollerá a 17ª edición do Salón do Automóbil, unha cita que este ano se desdobra en dúas fins de semana consecutivas. Do 16 ao 18 de outubro celebrarase o salón dedicado ao vehículo novo, mentres que do 23 ao 25 de outubro terá lugar o do vehículo de ocasión. En conxunto, vinte concesionarios oficiais da provincia, integrados na Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (A.C.A.U.T.O.), expoñerán un total de 725 vehículos de 31 marcas diferentes, o que converterá temporalmente ao recinto feiral no maior concesionario do norte de España.
O evento está organizado conxuntamente por Expourense e A.C.A.U.T.O., e conta co respaldo da Deputación Provincial de Ourense. A presentación tivo lugar esta mañá no propio recinto, nun acto no que participaron representantes de ambas as dúas entidades organizadoras, así como o secretario xeral de Cáritas Ourense. A asociación de concesionarios aproveitará ademais esta edición para conmemorar o seu 30º aniversario.
As firmas presentes mostrarán os seus últimos lanzamentos e os modelos que se comercializarán de cara á campaña de 2027, cunha vintena de novidades que abranguen todo tipo de motorizacións actualmente dispoñibles no mercado.
Como aliciente para quen se decida a mercar, a organización repetirá o sorteo dun cheque regalo de 6.000 euros, que se descontará do prezo final do vehículo adquirido entre quen peche a compra dun coche novo ou de ocasión durante estas datas. Así mesmo, mantense a colaboración solidaria con Cáritas Ourense, que recibirá 15 euros por cada vehículo vendido, achega que corre a cargo de A.C.A.U.T.O. Esta iniciativa, en marcha dende 2016, permitiu recadar ata o momento arredor de 45.000 euros para a entidade.
Entre os obxectivos do salón figura ofrecer unha mostra ampla e variada que permita comparar prezos, gamas e modelos nun único espazo. A cita cobra ademais especial relevancia se se ten en conta a antigüidade do parque automobilístico da provincia, un dos máis envellecidos de España: con 165.000 unidades matriculadas, a idade media sitúase en 18,2 anos, por encima da media galega, que é de 16,7 anos. Renovar o parque móbil contribuiría a mellorar tanto a seguridade viaria como a sustentabilidade da frota.
Para facilitar a visita en familia, ofrecerase de novo un servizo gratuíto de ludoteca durante as fins de semana do salón: os venres de 17.00 a 20.30 horas; os sábados de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas; e os domingos de 12.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas.
En canto ao horario xeral do salón, o recinto abrirá os venres 16 e 23 de outubro de 11.00 a 20.30 horas; os sábados 17 e 24 de outubro de 10.00 a 20.30 horas; e os domingos 18 e 25 de outubro de 11.00 a 20.00 horas. A entrada terá un custo de 3 euros por cada un dos dous salóns, sendo gratuíta para os menores de ata 12 anos.