Expourense superou as 111.000 visitas en 2025 e reforza o seu papel como motor económico e social da provincia

A actividade desenvolvida por Expourense durante 2025 consolidou o recinto feiral como un dos principais dinamizadores da economía, do deporte e da vida social da provincia. Así se desprende da Memoria de Actividades presentada este mércores pola Fundación Expourense, que recolle un exercicio marcado pola celebración de feiras, eventos empresariais, actividades formativas e competicións deportivas.
Ao longo do pasado ano, Expourense organizou dez feiras e acolleu unha vintena de eventos externos, ademais de ser escenario de 42 competicións e sesións deportivas. En conxunto, estas actividades reuniron máis de 111.000 visitas.
A presentación da memoria contou coa participación dos representantes das entidades que integran o Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense. Durante o acto, o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, destacou o papel de Expourense como "un lugar de encontro, cooperación e entendemento".
Pola súa banda, o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González, incidiu na importancia da colaboración entre administracións e sector privado, sinalando que "Expourense é a casa de todos, un espazo de cooperación público-privada no que todos temos o mesmo obxectivo: o desenvolvemento socioeconómico de Galicia en xeral e da nosa provincia de Ourense en particular".
Entre os fitos máis destacados do calendario feiral figurou a celebración de Termatalia en Paipa-Boyacá, en Colombia, que acadou a súa sexta edición en América Latina. O encontro reuniu máis de 2.000 profesionais procedentes de 18 países e contribuíu a reforzar o posicionamento internacional do termalismo colombiano.
Ademais de Termatalia, Expourense organizou outras nove citas feirais, entre elas Xantar, Ourense Vinis Terrae, Previsel, o Salón do Automóbil, Antiq Auria ou Sportur Galicia. O ano tamén estivo marcado polo nacemento da Feira da Educación de Ourense, impulsada de maneira conxunta pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense, e que pasará a formar parte do calendario estable do recinto tras a súa boa acollida.
As feiras celebradas ao longo de 2025 reuniron un total de 367 expositores e contaron con representación de 33 países, reforzando a dimensión internacional da actividade desenvolvida por Expourense.
No apartado deportivo, a pista cuberta de atletismo acolleu 42 competicións e sesións de adestramento, que congregaron 24.300 visitas. Entre as probas celebradas destacaron o I Meeting Internacional de Atletismo e diferentes campionatos de España.
A actividade do recinto completouse coa organización de congresos, encontros profesionais, asembleas e eventos de lecer familiar. Empresas, asociacións e entidades escolleron Expourense para desenvolver as súas actividades, mentres que propostas como Funtastik, Ou Yeah Fest!, Expofamilias ou o Salón Auto ampliaron a oferta destinada ao público xeral.
A formación tamén ocupou un lugar relevante durante o exercicio, coa celebración de xornadas técnicas, encontros profesionais e cursos dirixidos tanto a persoas traballadoras como desempregadas. Entre as iniciativas desenvolvidas destacou unha nova edición de Inspiro, o encontro que conecta o tecido empresarial cos diferentes modelos formativos de Galicia.
A presentación da memoria concluíu coa entrega a Expourense do recoñecemento polos seus 25 anos de certificación de calidade ISO 9001, outorgado por AENOR, un distintivo que avala a traxectoria e o compromiso coa mellora continua da entidade.