FEMURO, 28 anos promovendo o asociacionismo como motor do rural ourensán

OurenseXa
A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense agrupa actualmente un total de 68 asociacións de mulleres repartidas por toda a provincia
femuro-conxunta
31 May 2026

A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO) agrupa na actualidade 68 asociacións de mulleres distribuídas por toda a provincia. Nun territorio marcado pola dispersión xeográfica e o envellecemento demográfico, a entidade traballa para fortalecer o asociacionismo feminino, promover a igualdade de oportunidades e impulsar iniciativas que contribúan á dinamización social das aldeas ourensás.

“As mulleres sempre foron o motor do rural. Son as que tiraron de todo e as que realmente dinamizan os pobos, as que fan comunidade. Ao final, os homes nos pobos tamén fan cousas, por suposto, pero é un traballo máis individual”, explican desde a entidade. “As mulleres, cando fan algo no rural, adoitan facelo para toda a comunidade. Son elas as que impulsan as asociacións, as crean e preocúpanse polo resto de mulleres do pobo”.

Neste contexto, o asociacionismo convértese nunha ferramenta fundamental. Desde FEMURO subliñan que moitas mulleres do rural carecen de espazos propios de lecer e encontro. “As mulleres non adoitan ter ese espazo, esa vía de desconexión ou de encontro. Por iso crean as asociacións, para ter un lugar ao que poder ir, reunirse, conversar e compartir experiencias, máis alá das tarefas cotiás”.

As actividades que desenvolven as asociacións son diversas e responden aos intereses de cada grupo. Ximnasia, obradoiros de memoria, teatro ou manualidades forman parte da programación habitual. Con todo, desde a federación insisten en que o máis importante non é a actividade en si mesma, senón o vínculo que xera. “A actividade é a escusa para que saian das súas casas, se xunten, falen e compartan tempo”.

Nos últimos anos, ademais, detectouse un incremento na creación de novas asociacións. Trátase, en moitos casos, de mulleres que viviron toda a vida nas aldeas e que queren contribuír á dinamización do seu territorio e, noutros, do aumento dunha poboación máis nova que vai vivir ao rural. As veciñas, aseguran desde a federación, son “o principal motor de cambio dos pobos”, e con iniciativas como a creación de asociacións e a organización de actividades comunitarias, “queren poñer en valor o lugar no que viven”.

Apoio ás asociacións e promoción da igualdade

O traballo da federación céntrase tanto no acompañamento das entidades xa constituídas como no impulso de novos proxectos asociativos. Debido á dispersión territorial que caracteriza Galicia e, especialmente, a provincia de Ourense, a entidade presta asesoramento en cuestións administrativas e organizativas. “Prestamos apoio en todo tipo de trámites relacionados coas asociacións: burocracia, creación de entidades, dúbidas sobre como facer unha asemblea, trámites bancarios, pagamento de taxas ou solicitude de subvencións”, explican.

Ademais, FEMURO organiza actividades comúns para as asociacións federadas. Entre elas figuran encontros periódicos, o Foro de Igualdade, unha convivencia anual coa federación de Pontevedra, as actividades vinculadas ao 8 de marzo e ao 25 de novembro, o Día da Muller Rural e a Asemblea Xeral anual. “Todas as nosas actividades teñen como eixo central o fomento da igualdade de oportunidades e todo o noso traballo xira arredor desa temática”.

A federación tamén asesora a grupos de mulleres que desexan crear unha asociación, un proceso que, explican, adoita comezar cunha chamada para solicitar orientación. “Normalmente chámanos porque non saben como empezar. Din que queren crear unha asociación de mulleres e, desde ese momento, facémoslles un seguimento completo”. Ese acompañamento inclúe a tramitación administrativa, a elaboración dos estatutos, as inscricións nos rexistros correspondentes e o asesoramento sobre a organización interna da entidade. Unha vez constituída, a asociación pode integrarse na federación e participar nas súas actividades.

Xunto a este labor, FEMURO desenvolve programas directamente nas asociacións, como un programa de obradoiros de sexualidade para mulleres, que se leva a cabo nas entidades que o solicitan.

Pero a acción da federación non se limita ao asociacionismo, senón que desde a súa área social impulsa tamén proxectos educativos e programas de intervención social. “Traballamos en centros de educación primaria e secundaria e desenvolvemos moitos proxectos sociais dirixidos principalmente a mulleres”, explican. Unha parte importante destes programas está orientada a mulleres en situación de vulnerabilidade ou que precisan apoio para a súa inserción laboral, unha liña de actuación que a entidade considera fundamental dentro do seu traballo diario no territorio.

0.13072609901428