Fernando Sotelo será o candidato do PP á alcaldía de Coles

O Partido Popular deu a coñecer o nome de quen será o seu candidato á alcaldía de Coles de cara aos vindeiros comicios municipais: Fernando Sotelo González, empresario ourensán nado en 1983 cunha ampla traxectoria no sector da automoción.
Sotelo González definiu a súa incorporación á política activa como un paso relevante dentro do seu compromiso co desenvolvemento do concello. O candidato amosou o seu agradecemento tanto á agrupación local do PP de Coles como á dirección provincial do partido, sinalando que o que máis lle chamou a atención do presidente provincial, Luis Menor, foi "a súa forma clara de ver as cousas e de baixar a pé de rúa".
Segundo explicou o propio candidato, a súa chegada prodúcese nun contexto que describe como de ilusión e renovación arredor dun novo proxecto do PP no municipio, un proceso que está a permitir recuperar o sentimento de pertenza ao partido, sumar novas afiliacións e incorporar a xente moza á formación.
Entre as prioridades que se marcou Sotelo destaca, como punto de partida, a mellora da calidade de vida da veciñanza. O candidato puxo tamén o foco na vivenda, aproveitando a posición de Coles como municipio limítrofe coa capital ourensá: "Temos que atraer á xente, darlles facilidades para que se decidan a residir aquí". Ao seu xuízo, esta fixación de poboación traería consigo un conxunto de servizos que redundaría nunha mellor calidade de vida para o concello.
De cara a acadar a alcaldía e pór en marcha o seu programa, Sotelo manifestou a súa intención de formar un equipo que combine experiencia e renovación, integrado por persoas con ideas novas xunto a outras con traxectoria dentro do partido, co obxectivo de conxugar distintas visións dentro do proxecto.
Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis Menor, valorou positivamente o paso dado polo empresario local, afirmando que "Fernando desprende ilusión e ganas de facer un Coles mellor". Menor subliñou que o municipio precisa un impulso con xente nova e novas ideas que o sitúen no lugar que, ao seu entender, lle corresponde, lembrando que Coles, con máis de 3.200 habitantes, ocupa o posto trece por poboación entre os concellos da provincia, xusto despois da Rúa e só por detrás dos municipios máis poboados.
O presidente provincial destacou ademais o carácter popular do municipio, apoiándose no resultado que obtivo o PP en Coles nas eleccións autonómicas de 2024, cando superou o 46 % dos votos. Menor trasladou a súa confianza en que este novo proxecto sexa capaz de liderar un cambio positivo no municipio.