Finalizan os traballos de mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Paderne de Allariz

A Xunta de Galicia vén de rematar os traballos de mellora da eficiencia enerxética do campo de fútbol de Paderne de Allariz, unha actuación na que o Goberno galego investiu 51.630 euros e que permitiu modernizar as instalacións e reducir o consumo eléctrico.
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as instalacións para comprobar o resultado das obras, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Durante o percorrido, puideron coñecer de primeira man as actuacións executadas, entre as que destacan a renovación da iluminación mediante a substitución das antigas luminarias por outras de tecnoloxía LED, así como a instalación de sistemas máis eficientes para a auga quente sanitaria e a cubrición con paneis tipo sándwich.
Estas melloras foron financiadas ao abeiro da convocatoria de 2025 do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, unha liña dirixida a concellos de menos de 15.000 habitantes que contou cun orzamento global de 5 millóns de euros.
Segundo explicou Natalia Prieto, este tipo de intervencións permiten reducir de maneira significativa o consumo e o custo da enerxía, ao tempo que contribúen a mellorar os servizos públicos municipais e a calidade de vida da veciñanza. Neste sentido, sinalou que con estas achegas búscase dar resposta ás necesidades dos concellos máis pequenos e garantir unha prestación de servizos equilibrada en todo o territorio.
A representante autonómica tamén puxo en valor o apoio da Xunta ao ámbito local, lembrando que no último ano se financiaron preto dun milleiro de proxectos en Galicia a través de distintas liñas de axuda destinadas tanto a concellos como a entidades veciñais.
No caso concreto de Paderne de Allariz, o investimento acumulado nos últimos anos a través destes programas supera os 298.300 euros, segundo os datos facilitados durante a visita.