Francisco Diéguez, coordinador de Avante Ourense: “A cidadanía quere solucións e propostas aos problemas do día a día”

GaliciaXa | OurenseXa
A plataforma, que non descarta concorrer ás municipais de 2027, preséntase como un espazo aberto á cidadania que reclama reforzar os servizos públicos, facilitar o acceso á vivenda e construír unha alternativa á actual política municipal
francisco-dieguez-coordinador-de-avante-ourense
23 Aug 2026

Por Raquel Pérez

Avante Ourense presentouse o pasado 21 de xuño como un “espazo aberto” para construír unha alternativa progresista para a cidade. A plataforma nace nun momento marcado pola situación política do Concello de Ourense e pola falta de acordo entre os grupos da oposición para promover unha moción de censura contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. Desde a súa presentación, Avante Ourense vén defendendo a necesidade de reforzar os servizos públicos, facilitar o acceso á vivenda, avanzar nas políticas de igualdade e recuperar e rehabilitar espazos degradados da cidade.

A plataforma, que aínda non decidiu se concorrerá ás eleccións municipais de 2027, xa está trasladando as súas propostas ás institucións e exercendo, desde as rúas, un labor de oposición e crítica contra a actual política municipal. Francisco Diéguez, coordinador de Avante Ourense, explica nesta entrevista os motivos que levaron á creación do proxecto, a súa visión sobre a situación política do Concello e as prioridades que considera necesarias para construír unha alternativa para a cidade.

Avante Ourense presentouse o pasado 21 de xuño como un “espazo aberto” para construír unha alternativa progresista para a cidade. Que motivou a creación desta plataforma neste momento concreto?

A plataforma nace dun espírito compartido por unha parte da cidadanía, tanto da cidade de Ourense como da provincia, que considera que, a día de hoxe, as institucións e as administracións públicas non están atendendo as súas necesidades.

Por que o 21 de xuño? É moi sinxelo: era o día límite que tiñan os partidos de Ourense para articular unha moción de censura contra Gonzalo Pérez Jácome. Tanto o Partido Popular como o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego tiveron durante ese mes a posibilidade de sentarse nunha mesa e intentar dicir: “Quedan nove ou dez meses de mandato, imos tratar de facer unha moción de censura instrumental para que, como mínimo, Gonzalo Pérez Jácome non siga sendo alcalde de Ourense”.

Iso non foi posible. Entón, se os diferentes partidos que a día de hoxe, entre comiñas, teñen o poder non o empregan para o que consideramos necesario e, á vez, están todos os días nos diferentes medios de comunicación criticando a xestión de Jácome, está claro que a cidadanía ten que articularse dalgunha maneira. E, por tanto, articúlase a través desta plataforma de esquerdas que é Avante Ourense.

Que é exactamente Avante Ourense? É unha plataforma cidadá, un movemento político, un espazo de confluencia ou aspira a converterse nunha organización con presenza electoral? Podería concorrer ás próximas eleccións municipais?

Agora mesmo, Avante Ourense é unha plataforma política. Desde que nos presentamos o 21 de xuño estamos levando diferentes propostas tanto ao Concello como á Xunta e mesmo ao Parlamento de Galicia. Si que é certo que a xente de Avante Ourense está abordando a necesidade de articular Avante Ourense como partido político. Non é algo que a día de hoxe estea pechado, pero si estamos explorando esa vía.

Non sabemos, insisto, se finalmente será un partido político nin se se presentará ou non ás eleccións municipais de 2027. Consideramos que presentarse por presentarse, simplemente para que haxa unha papeleta, sería un pouco ridículo. Evidentemente, ten que haber detrás, primeiro, xente que queira estar nas listas e, por suposto, un proxecto político. E non calquera proxecto político, senón un proxecto político que atenda as necesidades da cidadanía.

Podo propoñer foguetes, pero, evidentemente, a cidadanía quere solucións e propostas para os problemas que ten no día a día. Por tanto, se cremos ou consideramos que para 2027 temos esas condicións, presentarémonos. Se non as hai, non nos presentaremos. Onde si esperamos que haxa papeleta, seguro, é nas eleccións autonómicas de 2028 e nas eleccións municipais de 2031. Aí si podemos, entre comiñas, tratar de asegurar que haberá unha papeleta de Avante Ourense.

Entendo que, no caso de non presentarvos ás eleccións, seguiredes mantendo ese papel de oposición desde as rúas.

Por suposto. Eu creo que, evidentemente, estar dentro das institucións é moi importante. Tampouco vamos negar que ter un posto dentro do pleno do Concello axudaría moito a facer visibles determinadas situacións ou problemáticas da cidadanía. Agora ben, a día de hoxe, a cidadanía ten moitos instrumentos e posibilidades para facer visibles as súas problemáticas. Nós somos unha plataforma que leva apenas dous meses de creación e xa no Parlamento de Galicia os diferentes partidos políticos van debater unha proposta de Avante Ourense.

Non somos máis que un conxunto de veciños e, por tanto, aínda que Avante Ourense non se presente en 2027, seguirá trasladando aos medios de comunicación e á cidadanía as súas propostas. De feito, moitas das denuncias que facemos é porque nolas mandan os veciños, como no caso dos vestiarios do CHUO ou do centro de acollida de animais de Ourense. É a propia cidadanía a que nos manda os vídeos e nos traslada as súas preocupacións.

Na vosa carta de presentación afirmabades de forma contundente que “Ourense merece máis”. Que é o que, ao voso xuízo, lle está faltando actualmente á cidade?

A día de hoxe, eu creo que os servizos públicos son un dos principais problemas. Temos que ter en conta que xa desde o inicio vimos denunciando que servizos como os bombeiros, a Policía Local ou os servizos sociais están baixo mínimos.  Hai unha situación que para nós é moi preocupante e da que, a día de hoxe, non se fala: o Centro de Información á Muller de Ourense. Eu tiven conversacións coa directora do CIM e contábame que só hai tres persoas traballando no CIM de Ourense.

Evidentemente, teñen que atender todas aquelas necesidades que se presenten en Galicia, porque unha muller, por exemplo, de Ribadavia ten dereito a acudir ao CIM de Ourense e, dependendo da súa casuística ou da súa problemática, será atendida. Se, por exemplo, unha muller está sufrindo violencia de xénero e quere axuda para saír desa situación, o CIM de Ourense si que a vai atender. Pero se estamos falando, por exemplo, dunha muller que é obrigada a exercer a prostitución, van derivala a unha organización privada. E non porque o CIM de Ourense ou o seu equipo non queira atendela. Ao contrario: é que non poden. Non teñen os recursos suficientes para facelo.

Nós levamos tamén meses denunciando, por exemplo, a situación do colexio Manuel Luis Acuña. É un colexio público que ten un problema importante e agora, bueno, estase facendo unha especie de minirreforma e xa están actuando. Pero ata hai nada, os baños dos patios estaban clausurados porque, se un neno tocaba o lavabo, podía caerlle enriba. E, por desgraza, xa vimos non hai tanto tempo, no caso do IES Julio Prieto Nespereira, como unha parede caía enriba dun neno e provocaba a súa morte. Ese tipo de cousas están pasando na cidade de Ourense. Nós cremos que os servizos públicos son o principal.

E, por suposto, tamén levamos denunciando o tema da vivenda. É terrorífico. A día de hoxe, na cidade de Ourense, que haxa alugueiros de arredor de 600 ou 700 euros como mínimo paréceme unha auténtica tolemia.

Un dos motivos que explican o nacemento de Avante Ourense é a situación política municipal. Como valorades o actual escenario no Concello de Ourense?

A situación actual do Concello de Ourense é bastante particular. Por un lado, o Partido Popular, por moito que nas últimas semanas estea dicindo que non sostén o alcalde, en 2023 asinou o chamado “Pacto da Vergonza”, mediante o cal o Partido Popular cedía a Alcaldía a Democracia Ourensana e Democracia Ourensana cedía a Deputación ao Partido Popular. Por tanto, que agora o PP diga que non sostén o alcalde é mentira. É unha mentira moi gorda e que ninguén pode crer xa.

E despois está a oposición, o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego, que falan sen facer. Por exemplo, non podes denunciar constantemente nos medios de comunicación e na radio unha situación como a que se está vivindo actualmente na Casa de Baños e, ao mesmo tempo, permitir que sexa unha asociación de cidadáns a que teña que levar esta cuestión aos tribunais para defender o patrimonio, cando quen ten que actuar pode facelo.

Consideramos que actualmente os partidos políticos que se din de esquerdas non están actuando correctamente, que non son eficaces. E o Partido Popular, como non pode ser doutra maneira, é muleta de Democracia Ourensana. De feito, hai un par de semanas, o presidente da Deputación, Luis Menor, afirmou fai pouco que, se en 2027 era necesario volver pactar con Democracia Ourensana, volverían facelo.

Nós consideramos que, tras o tema do orzamento e a cuestión de confianza, existiu unha oportunidade para construír unha alternativa ao goberno de Jácome e que non foi aproveitada. Tanto o PSOE coma o BNG tiveron a posibilidade de sentarse nunha mesa e intentar articular unha moción de censura instrumental para evitar que Gonzalo Pérez Jácome continuase na Alcaldía. Non foi posible.

Na miña opinión, non podes estar constantemente nos medios de comunicación denunciando determinadas situacións e, ao mesmo tempo, estar quieto. Se consideras que hai unha situación grave na cidade, hai que actuar. É precisamente esa falta de acción a que explica, en parte, por que nace Avante Ourense. Se os partidos que se presentan como alternativa non son capaces de empregar o poder que teñen para cambiar determinadas situacións, a cidadanía ten que organizarse. Non ten sentido estar todos os días facendo declaracións nos medios e, ao mesmo tempo, non tomar decisións cando existen mecanismos para facelo. A cidadanía quere solucións e propostas para os problemas que ten no día a día. Esa é a cuestión fundamental.

Cal é o modelo de cidade que defende Avante Ourense?

Consideramos que o modelo de cidade ten que poñer no centro a vivenda e os servizos públicos, pero tamén a recuperación dos espazos abandonados e a mellora da calidade de vida da cidadanía.

Eu creo que o primeiro sería reforzar os servizos públicos e, especialmente, o Centro de Información á Muller. Considero que hai que facer un labor moi intenso para reforzar ese servizo, porque a violencia de xénero, a día de hoxe, é unha realidade na nosa cidade. O sistema de protección ten moita presenza na nosa cidade e hai moitas mulleres acollidas, polo que é necesario ese CIM.

Despois está a vivenda. Consideramos que o casco histórico, toda esa zona que está por detrás do Concello de Ourense, está totalmente abandonada. Nos próximos días imos presentar un requirimento tanto ao Concello como á Xunta de Galicia para a creación dunha empresa pública de vivenda. Noutras cidades xa se está facendo e xa se está debatendo, por exemplo, en Vigo. Cremos que é unha opción moi boa para a rehabilitación de todo este casco histórico abandonado.

E tamén hai que actuar sobre o modelo urbano. Podemos falar, por exemplo, dos refuxios climáticos. O outro día, o alcalde anunciaba que só se podía facer unha parte da rúa porque a Xunta de Galicia unicamente concedera ese orzamento. Evidentemente, hai que reprocharlle á Xunta de Galicia ese vergoñento orzamento para a creación dun refuxio climático, pero tamén podemos preguntarnos por que o outro lado da rúa non o financia o Concello de Ourense. Por que? Porque, evidentemente, a política do señor Jácome é talar, talar, talar e talar. Encántalle o cemento e así está, por exemplo, o Xardín do Posío, que xa non é nin un xardín botánico nin o Posío que recordamos.

Para rematar, cales serían os seguintes pasos que tedes pensado dar para lograr os vosos obxectivos?

A curto prazo, imos seguir trasladando propostas ás institucións. Por un lado, o tema do requerimento tanto ao Concello como á Xunta de Galicia para a creación dunha empresa pública de vivenda. Tamén seguiremos levando propostas ao Parlamento de Galicia, de feito unha delas vai debatirse proximamente. Levamos apenas dous meses de existencia e xa estamos conseguindo que as nosas propostas cheguen ás institucións.

Aínda que Avante Ourense finalmente non se presente ás eleccións municipais de 2027, seguiremos trasladando aos medios de comunicación e á cidadanía as nosas propostas e defendendo unha alternativa para Ourense. O que queremos é que a cidade teña solucións para os problemas que ten no día a día e que a cidadanía poida participar e organizarse para conseguilas.

0.13495492935181