Galicia e Cataluña intercambian experiencias sobre o relevo xeracional no agro nunhas xornadas en Allariz e Sandiás

Os concellos ourensáns de Allariz e Sandiás acollen esta semana, do 3 ao 5 de xuño, nunhas xornadas técnicas centradas no relevo xeracional no sector agrario, no marco do proxecto de cooperación “Nó Rural”. O encontro reúne profesionais e responsables de desenvolvemento rural de Galicia e Cataluña co obxectivo de compartir experiencias e analizar fórmulas para facilitar a incorporación de mozos e mozas ao agro.
A iniciativa, impulsada por varios Grupos de Desenvolvemento Rural galegos baixo a coordinación de Seitura 22, inclúe a visita dunha delegación catalá integrada por representantes de GDR e da administración autonómica, que coñecerán de primeira man proxectos vinculados á mobilización de terras, explotacións e vivendas no medio rural galego.
Segundo os organizadores, a visita busca tanto coñecer boas prácticas desenvolvidas en Galicia como “intercambiar aprendizaxes entre os dous territorios en materia de acompañamento a mozos e mozas na súa incorporación ao agro, o acceso ás terras e a transmisión de explotacións”, ademais de explorar posibles vías de cooperación futura.
O programa comezou o mércores pola tarde en Allariz, coa recepción institucional da delegación catalá no consistorio e unha presentación dos distintos GDR participantes. Tamén se expuxo o proxecto “Allariz como modelo de desenvolvemento rural”, seguido dunha visita guiada pola localidade.
As xornadas continúan en Sandiás cun programa aberto ao público centrado no relevo agrario. Na sesión do xoves, celebrada na Casa da Lagoa da Antela, abordouse a transformación da comarca da Limia desde mediados do século XX, así como iniciativas actuais como o proxecto Aterra, presentado pola xerente do GDR Limia-Arnoia, Eva González.
Un dos momentos centrais foi a intervención de varios mozos emprendedores do sector agroalimentario, que explicaron en primeira persoa as súas experiencias de incorporación ao rural. Participaron representantes de proxectos como Crismel S.C., Lar de Breogán, Patatas Guays e Patagal.
A xornada incluíu tamén un debate sobre os retos actuais do sector e a necesidade de impulsar medidas que favorezan a continuidade das explotacións e o acceso da mocidade ao medio rural. Pola tarde, realizouse unha visita a distintas iniciativas produtivas e paisaxísticas da comarca, incluíndo parcelas do proxecto Aterra, explotacións de pataca da IXP Pataca de Galicia e a Torre de Pena.
O venres continuará a programación na Casa da Cultura de Sandiás cunha sesión centrada na experiencia catalá, na que se presentará o proxecto “Relleu Agrari” e a estratexia de relevo xeracional desenvolvida pola Generalitat de Cataluña.
Representantes do Departamento de Agricultura catalán explicarán iniciativas de acompañamento á incorporación de mozos ao sector, entre elas o programa “Catifa vermella”, orientado a mellorar o acceso e apoio ás novas incorporacións.
Posteriormente, presentarase o proxecto de cooperación “Nó Rural” e abordaranse diferentes políticas e accións desenvolvidas por administracións, universidade e organizacións agrarias en Galicia en materia de relevo xeracional.
O encontro pecharase tras tres días de actividades que combinan análise técnica, intercambio de experiencias e visitas de campo centradas nos desafíos do futuro do rural.