Garanten o remate do parque acuático de Monterrei cun investimento de 3,6 millóns de euros
A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia unirán forzas para finalizar o parque acuático de Monterrei. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Deputación, Luis Menor, asinaron un convenio de colaboración para executar as tres fases pendentes do proxecto, cun investimento total de case 3,6 millóns de euros por parte da institución provincial.
As obras, que se realizarán durante o bienio 2025-2026, incluirán a ampliación das instalacións con novos vasos, tobogáns e outros elementos lúdicos. Estas fases complementarán a primeira etapa do proxecto, xa executada, que contou cun orzamento de 7,8 millóns de euros financiados pola Secretaría Xeral para o Deporte e que incluíu zonas como un edificio de servizos, unha área infantil acuática, tobogáns e piscinas.
Luis Menor destacou a gran acollida que tivo o complexo ata o de agora: "Este verán rexistramos preto de 97.000 visitantes, aínda sen estar finalizado por completo. Este parque acuático está chamado a ser un dos grandes atractivos turísticos e de lecer non só da provincia, senón de Galicia e mesmo do norte de Portugal".
Monterrei converterase nun amplo complexo lúdico-deportivo que integrará unha área acuática e unha zona deportiva, esta última xa rematada, con pistas de tenis, pádel, unha pista polideportiva, un circuíto de cross e unha pista de pump track.
O investimento distribuirase en dúas anualidades: 1,5 millóns en 2025 e 2,1 millóns en 2026. Luis Menor cualificou o acordo como "unha gran noticia para comezar o ano", consolidando Monterrei como un referente no lecer e o turismo en Galicia.