Impulsan desde Ourense un proxecto para automatizar a agricultura de precisión

GaliciaXa | OurenseXa
A iniciativa desenvolverá unha plataforma dixital que integrará en tempo real información agronómica para mellorar o rendemento así como reducir o impacto ambiental das explotacións
presentacion-proxecto-precigal
18 Jun 2026

O Campus de Ourense acolleu esta mañá a presentación de PRECIGAL, un proxecto de investigación e desenvolvemento centrado na aplicación da agricultura de precisión aos cultivos do millo, a pataca e o viñedo, considerados estratéxicos para Galicia.

A iniciativa está impulsada por un consorcio de seis empresas galegas, co apoio da Universidade de Vigo e da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e busca desenvolver unha plataforma dixital intelixente, modular e escalable que integre diferentes tecnoloxías avanzadas para o sector primario.

O sistema combinará sensores IoT para a monitorización do solo, da planta e do clima, imaxes de drons e satélites, sistemas de análise xeoespacial, algoritmos de intelixencia artificial e aprendizaxe automática, maquinaria agrícola intelixente e robots terrestres e aéreos. O obxectivo é xerar recomendacións agronómicas en tempo real adaptadas a cada parcela e cultivo, mellorando a toma de decisións baseada en datos e reducindo o impacto ambiental das explotacións.

Segundo se explicou na presentación, un dos eixes principais do proxecto é a integración destas tecnoloxías, que actualmente funcionan de forma independente. A plataforma recompilará datos procedentes de sensores no solo, na planta e no clima, información meteorolóxica, imaxes aéreas e modelos de aprendizaxe automática, procesándoos conxuntamente para emitir alertas e recomendacións automatizadas adaptadas a cada explotación.

O proxecto enmárcase no ámbito da fabricación avanzada e da transformación dixital do sector primario, coa finalidade de mellorar a produtividade, a competitividade e a sustentabilidade da actividade agraria en Galicia.

A presentación contou coa intervención da responsable de I+D+i de Sertogal, Ana Acevedo, quen expuxo o proxecto antes dunha mesa redonda na que participaron os seis socios do consorcio: Sertogal, Avelino Santana García, Veiga Bella S.L. (Ramón do Casar), Innebo S.L., Comercial Agrícola Guerra S.L. e José Antonio Marra Bolaño (Azul e Verde).

Tamén interviñeron o investigador principal do proxecto, Higino González, da Universidade de Vigo, e Lucio García Calvo, do Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), mentres que o acto foi pechado por Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

PRECIGAL contempla tamén a validación das ferramentas en explotacións agrícolas reais vinculadas aos tres cultivos estudados, onde se analizarán aspectos como a monitorización dos cultivos, o control fitosanitario, a optimización de recursos e o rendemento produtivo. Ademais, avaliarase o impacto ambiental das solucións propostas, especialmente no uso de auga, fertilizantes e outros insumos.

No caso dos drons, o proxecto prevé probas en condicións controladas e en coordinación coa administración competente para estudar a súa eficacia na aplicación de produtos fitosanitarios.

O desenvolvemento de PRECIGAL estenderase ata setembro de 2028 e inclúe un programa de transferencia de coñecemento ao sector agrícola galego para facilitar a adopción destas tecnoloxías e contribuír á modernización das explotacións.

0.13217401504517