Investigadoras ourensáns sacan adiante un estudo que amosa o potencial da mostaza branca como fonte de compostos bioactivos
Investigadoras da Facultade de Ciencias e do Campus Auga da Universidade de Vigo veñen de realizar un estudo no que demostran que as sementes e o aceite da mostaza branca (Sinapis alba) constitúen “fontes naturais de compostos bioactivos con propiedades beneficiosas para a saúde, que poderían ser empregadas en aplicacións alimentarias e farmacéuticas”. Ademais, nel afondan en como a introdución desta especie no agro galego pode ter vantaxes para a mellora das propiedades do solo, impulsando a agricultura ecolóxica, explican desde a universidade.
O estudo, titulado 'Mostaza máis ca un mollo. Compostos bioactivos e a súa repercusión na saúde' está dirixido polas investigadoras da UVigo María Figueiredo, do grupo Food and Health Omics, e Alicia Paz, do grupo de BiotecnIA. A investigación foi financiada pola Deputación Provincial de Ourense mediante a convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou.
As responsables do estudo lembran que o uso de plantas medicinais como terapia complementaria ou alternativa é frecuente en todo o mundo e que en Galicia o uso de herbas medicinais sempre estivo arraigado na cultura popular. “Aínda que a eficacia destas herbas non está cientificamente probada en moitos casos, os seus compoñentes químicos poden inducir respostas beneficiosas, ofrecendo pistas para o descubrimento de medicamentos eficaces”, afirman. Neste contexto, a mostaza “é unha destas plantas, utilizada tradicionalmente como condimento, conservante e na medicina popular para tratar enfermidades como cardiovasculares e a diabetes mellitus”.
Entre os resultados acadados, as investigadoras destacan que no caso das sementes revelouse “un alto contido de lípidos, superando as expectativas nutricionais comerciais, cunha composición elevada de ácidos graxos, especialmente oleico, linoleico e araquidónico, o que ofrece beneficios para a saúde grazas a presenza dos ácidos omega 6 e omega 9”. Ademais, engaden que a semente e o aceite amosaron concentracións elevadas de compostos pertencentes ás familias químicas dos ácidos fenólicos e en menor cantidade dos compostos flavonoides. “Estes extractos ricos en compostos fenólicos mostraron actividade neuroprotectora ao inhibir as enzimas colinesterasas relacionadas coa enfermidade do alzhéimer, así coma actividade antimicrobiana contra os patóxenos Staphylococcus aureus e Candida albicans”, afirman.