Investigadores do campus de Ourense reciben o Premio Espacio 2024 da Fundación Enaire

Os investigadores do grupo Aerolab do campus de Ourense, Higinio González Jorge, Enrique Aldao e Luis Miguel González de Santos, xunto ao profesor Manuel Sanjurjo Rivo, da Universidad Carlos III de Madrid, foron distinguidos co Premio Espacio dos Premios Aeronáuticos 2024 de Fundación Enaire.
O galardón recoñece o seu estudo sobre a eliminación de refugallo espacial, publicado na prestixiosa revista IEEE Transactions on Aerospace.
A gala de entrega celebrouse na noite deste luns en Madrid, no marco do 30 aniversario de Fundación Enaire, nun acto presidido polo rei Filipe VI e o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente. A fundación, dependente deste ministerio, leva tres décadas promovendo a cultura aeronáutica e apoiando a investigación neste ámbito.
“Este premio supón un recoñecemento ao esforzo que estamos a facer desde o grupo Aerolab e o Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) para impulsar proxectos de investigación no campo da navegación espacial autónoma”, destaca Higinio González, catedrático e docente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O estudo galardoado, titulado Estimación de la Posición y Orientación de Objetos Espaciales mediante Inteligencia Artificial a partir de Mediciones LiDAR en Operaciones de Eliminación Activa de Desechos, forma parte da tese de doutoramento de Enrique Aldao e contou coa colaboración do profesor Manuel Sanjurjo, ademais da participación de Luis Miguel González de Santos, quen realizou o seu doutoramento na UVigo.
“O traballo céntrase na aplicación de tecnoloxía LiDAR nas operacións de rendezvous espacial, que consisten no acoplamento entre diferentes módulos e naves espaciais”, explica González.
Encontro da cultura e o sector aéreo
Máis de 200 representantes da cultura e do sector aéreo asistiron ao acto celebrado no Ateneo de Madrid, onde Filipe VI entregou os premios Aeronáuticos 2024 e os galardóns honoríficos polo 30 aniversario de Fundación Enaire. Durante o evento, o ministro Óscar Puente destacou a traxectoria da fundación na promoción da cultura aeronáutica e a divulgación da historia do transporte aéreo e as súas infraestruturas.
Ademais dos investigadores da UVigo, Fundación Enaire concedeu o Premio Honorífico de Aeronáutica, a título póstumo, ao investigador granadino Emilio Herrera, así como o Premio Honorífico 30 Aniversario de Fotografía ao fotógrafo Chema Mazos. Tamén foron distinguidos a fotógrafa Paloma Navales, a investigadora Raquel Delegado Aguilera, as estudantes Marina Pérez e Marina Martínez, das universidades Politécnica de Madrid e Carlos III, respectivamente, o responsable da empresa H2 Dron Energy, Marcos González, e a xornalista Laura Velasco.