‘Iribarne’ chega este sábado a Ourense na recta final da súa xira de despedida

OurenseXa
A representación forma parte do tramo final dun percorrido que levará a produción por diferentes localidades galegas e estatais antes do seu peche definitivo
IRIBARNE_ButacaZero_@geraldineleloutre (96)
IRIBARNE. ButacaZero. @geraldineleloutre
14 May 2026

A obra Iribarne, da compañía ButacaZero, chega este sábado 16 de maio ao Auditorio Municipal de Ourense ás 19:00 horas, nunha das últimas funcións da súa xira de despedida titulada “Hai que ir morrendo”. As entradas poden adquirirse a través da plataforma Ataquilla, segundo informou a compañía.

A representación forma parte do tramo final dun percorrido que levará a produción por diferentes localidades galegas e estatais antes do seu peche definitivo. Tras a súa parada en Ourense, a xira continuará por Cangas do Morrazo, Santiago de Compostela, A Coruña e Vilalba, para rematar o 20 de xuño na localidade natal de Manuel Fraga. Posteriormente, o espectáculo terá unha temporada final en Madrid, no Teatro Infanta Isabel.

A obra conta coa participación do actor ourensán Anxo Outumuro, quen destaca a emoción especial de actuar “na casa” nunha despedida que cualifica como agridoce. Outumuro foi recoñecido polo seu traballo neste proxecto co Premio María Casares a Mellor Actor.

Iiribarne é unha creación de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que combina humor e ironía para ofrecer unha revisión da vida política de Manuel Fraga Iribarne e da etapa da Transición española. A montaxe articúlase en tres actos e propón unha mirada crítica sobre a historia recente desde unha perspectiva teatral contemporánea.

A obra, estreada en 2023 co apoio do Centro Dramático Nacional, a MIT de Ribadavia e a AGADIC, acumula un importante percorrido, con máis de 30.000 espectadores e funcións en distintas comunidades autónomas, ademais dunha participación en festivais internacionais.

O elenco está formado por Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas e Mónica García, nunha proposta coral na que os intérpretes van asumindo diferentes roles ao longo da función.

Desde ButacaZero destacan tamén o carácter transmedia do proxecto, que inclúe contidos audiovisuais, entrevistas e material complementario dispoñible en liña, así como unha edición do texto teatral publicada por Edicións Positivas.

0.11926698684692