Jácome acusa á oposición de intentar “paralizar o Concello” e desenvolver unha “estratexia de bloqueo sistemático"
O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, convocará unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello para o vindeiro luns, día 30 de setembro, ás 9.30 horas, na que presentará a aprobación inicial 10 propostas de modificación de créditos, por un importe de 22 millóns de euros, elaboradas polo goberno municipal para reforzar diferentes áreas do Concello.
Esta mañá os 10 asuntos foron ditaminados pola comisión de pleno. Ditaminouse favorablemente por unanimidade o expediente de modificación 9P, que destinará 808.400 euros á área social do Concello. As 9 propostas restantes contaron co voto favorable do goberno municipal de DO e o voto en contra de PP, PSdeG-PSOE e BNG.
Ao remate da comisión, o goberno municipal manifestábase “atónito” ante a falta de apoio dos demais grupos políticos aos outros 9 expedientes de modificación de crédito incluídos na comisión. Entenden que intentan “paralizar o Concello” e desenvolver unha “estratexia de bloqueo sistemático que nunca se viu”. Cuestionan desde o goberno local que outros grupos políticos se formulase o requisito de negociar o plan de estabilización do Concello como una “condición sine qua non” para debatir outros asuntos. “No canto de debatir tema a tema, paralizan todos”, lamenta o goberno local.
A orde do día da comisión incluiu 10 expedientes de modificación de créditos: 6P, 9P, 12P, 13P, 14P, 15P, 16P, 17P, 18P e 19P/2024, por un importe total de 22.745.576,81 euros, con cargo ao remanente de tesouraría para gastos xerais
A modificación 9P, aprobada por unanimidade, destina 808.400 euros a partidas de Asuntos Sociais. As demais propostas, que tamén se levarán ao pleno do luns son a 6P/2024, que propón destinar 452.000 euros a partidas de Educación; a 12P, 216.022 euros a Participación Cidadá e Xuventude; a 13P, 214.000 euros a partidas de Seguridade Cidadá; a 14P, 285.159,14 euros a partidas de Servizos Xerais; a 15P, 844.300,93 euros a partidas de Seguridade Cidadá; a 16P, 14.919.215,15 euros a partidas de Infraestruturas; a 17P, 1.790.161,11 euros a partidas de Artes e Festexos; a 18P, 953.000 euros a Transferencias ao Consello Municipal de Deportes e a 19P, 2.263.318,48 euros a Medio Ambiente.
As 10 propostas de modificación orzamentaria, serán presentadas a aprobación por parte do Pleno do Concello o luns, para que proceda, de ser o caso, á súa aprobación provisional.