PP, PSOE e BNG votan en contra de 9 das 10 modificacións de crédito propostas polo Goberno Municipal de Ourense

OurenseXa
Os grupos da oposición unicamente avalaron a modificación orzamentaria 9P, relativa a asuntos sociais por un importe que ascende a 808.400 euros
Concello-Ourense-recurso
25 sep 2024

O Concello de Ourense celebraba está mañá unha Comisión de Pleno co obxecto de dictaminar os dez expedientes de modificación de crédito propostos polo Goberno Municipal, que suman un total de 22.293.576 de euros e que o pasado venres foran retirados da orde do día por petición dos Grupos municipais do PP e do PSdeG-PSOE, quenes contaron co voto favorable do BNG.

PP, PSOE e BNG, votaron en contra de 9 das 10 modificacións de crédito propostas polo executivo de Gonzalo Pérez Jácome, avalando unicamente a modificación orzamentaria 9P, relativa a asuntos sociais por un importe que ascende a 808.400 euros.

Dita modificación orzamentaria inclúe o pago de axudas de comedores escolares ás familias que quedaron excluídas inicialmente na convocatoria deste ano (24.000 euros), as axudas do programa de emerxencia social para as máis de 300 persoas que están pendentes delas dende hai meses (300.000 euros), a dotación económica para a convocatoria anual de subvencións da Concellería de Benestar Social para entidades do terceiro sector (90.000 euros) e os convenios con distintas entidades sociais que fan un labor imprescindible na nosa cidade: Cáritas, ADO, Por Eles TEA, Banco de Alimentos, Cruz Vermella, ASPANAS, IGAXES, Fundación Secretariado Xitano, CAVAS, ASPANAS, ANEDIA, ASPAMADIS, PROVIVENDA, APUNTASTE e Fundación Juan Soñador (por importe total de 394.400 euros).

O PSdeG esixe ao Goberno de Jácome que saque adiante uns orzamentos

“Solicitamos, así mesmo, que esta modificación orzamentaria se inclúa xa na orde do día do pleno ordinario do vindeiro 4 de outubro, co fin de optimizar recursos e ante a pouca diferenza de días e prazos que habería entre unha convocatoria extraordinaria e a propia ordinaria da próxima semana”, explicou a portavoz do PSdeG.

“Os e as socialistas ratificamos o xa dito nos últimos anos e meses e actuamos con total autonomía e responsabilidade, sen deixar de apelar tamén a poñer fin ao ‘modus operandi’ levado a cabo polo alcalde, a base de modificacións orzamentarias, algunhas necesarias e outras non tanto, que unicamente serviron para seguir a engordar a inestabilidade económica do Concello de Ourense”, afirmou a voceira trala Comisión de Pleno.

O incremento das “irregularidades nos procedementos de contratación”, a “preferencia polos contratos menores”, o incremento das débedas e os intereses de demora a pagar por obra e servizos á veciñanza “con máis de 3.000 facturas pendentes e cun período medio de pago a provedores disparado a máis de 140 días”, ou a “falta de diálogo e consenso nas decisións políticas que funcionan a base de arroutadas e sen medir as consecuencias para esta institución e para a veciñanza”, son algúns dos factores determinantes do caos económico que actualmente padece a Administración local que preocupan ás e aos socialistas.

“É imprescindible sacar adiante un orzamento despois de ser incapaces en 4 anos de poñer sobre a mesa nin tan sequera un borrador. É imprescindible poñer orde en materia de persoal e reconsiderar decisións como a alteración das bases do proceso de estabilización, toda vez que xa estaban aprobadas unhas anteriores. Así como poñer en marcha, dende a responsabilidade e con coherencia, unha organización dos e das profesionais da Policía Local que acabe co caos e as situacións que están a xerar riscos e prexuízos á cidadanía dunha vez por todas”, rematou esixindo a portavoz do grupo municipal do PSdeG.

O BNG advirte que non apoiará máis modificacións de crédito

Pola súa banda, a formación nacionalista ratificou o manifestado o pasado luns en rolda de prensa e votou en contra de 9 dos 10 expedientes.

O luns, o Portavoz municipal Luís Seara anunciaba que, “o BNG non apoiará máis modificacións de crédito. Pedímoslle ao Alcalde que presente un proxecto de Orzamentos e que a partires de aí, sentemos, falemos, negociemos e se é posible acordemos”.

Seara ratificou que “non imos ser os tontos útiles de Jácome para aprobar un Orzamento encuberto, pola porta de atrás, sendo meros espectadores. Polo tanto que se esqueza de negociar modificacións de crédito connosco. Soamente sentaremos a falar do Orzamento”.

O único expediente no que o BNG reservou o voto foi ao mencionado 9P/2024 referido á Concellería de Servizos Sociais e no que se inclúe unha partida de 300.000 euros para axudas de emerxencia social. O Portavoz nacionalista, tal e como xa anunciara, xustificou que este sería o único expediente no que estarían dispostos a votar a favor xa que, “cando falamos de emerxencia social, falamos de persoas e de familias que precisan desta axuda para sobrevivir".

"Falamos de persoas e de familias en situacións extremas ás que non podemos castigar dúas veces, primeiro tendo o Alcalde que temos, quen desmantelou os Servizos Sociais municipais e logo negándolles unha axuda para necesidade tan básicas como comer, pagar a luz ou o alugueiro”.

Os populares piden desbloquear os problemas en materia de persoal

Tras a comisión, o Partido Popular adiantou que só apoiará a modificación de crédito relativa ás axudas sociais urxentes, por non causar un prexuízo moi grave ás persoas que menos recursos teñen nesta cidade, rexeitando así o “despilfarro” económico e sen planificación do alcalde.

“Non podemos esquecer que o goberno municipal ten a case 300 persoas cunha axuda de emerxencia social recoñecida, para cousas tan básicas como a comida, ou os pagos da luz, da auga e do gas, sen pagarlla”, lembra a portavoz, Sonia Ogando.

Polo tanto, tal e como asegura a popular “non estudaremos ningunha outra modificación de crédito mentres non se desbloqueen todos os problemas existentes en materia de persoal, como por exemplo o proceso de estabilización xa aprobado e publicado no BOP”. “O alcalde pensa nesta materia que o Concello de Ourense é o corral da Pacheca”, engade a edil.

Con todo o caos que el mesmo xerou en materia económica e de cadro de persoal, a concelleira apunta que “é inconcibible que pida un millón de euros máis para festas cando xa gastou 4 veces máis o orzamento que tiña para este ano”. “E tamén é inconcibible que despois de esixirlle que pagase as débedas ás empresas e aos autónomos continúe tendo obras inauguradas dende fai 1 ano aínda sen pagar”. Por todo isto, “reiteramos a nosa postura firme e responsable de aprobar só a modificación de creto relativa a servizos sociais”, conclúe Sonia Ogando.

0.16060280799866