Jácome non volverá convocar a oposición a ningunha xunta de portavoces no que resta de mandato

OurenseXa
O alcalde de Ourense toma esta decisión logo de que desde a oposición solicitaran os informes adecuados antes de avaliar as propostas do Concello
jácome
Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense
21 Maio 2024

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, non volverá convocar a oposición a ningunha xunta de portavoces no que resta de mandato. O rexedor adoptou esta decisión logo de que, na xuntanza mantida esta mañá, os grupos municipais de BNG, PSdeG-PSOE e PPdeG  non se pronunciaran sobre as propostas que lles trasladara a semana pasada de eliminar a ORA e valorar a posible entrada de novos accionistas no Club Ourense Baloncesto.

Desde a oposición, os tres grupos municipais lembran que únicamente solicitaron os informes adecuados antes de tomar unha decisión. Sen embargo, según o alcalde "o que fixeron foi marear a perdiz, non pronunciarse en ningún sentido apelando a que necesitan máis informes, facer reunións entre partes, agardar a que se celebre o xuízo pola demanda do Grupo Hereda (accionista do COB), que se formulen alternativas á ORA... Mareaban a perdiz con escusas interminables".

O portavoz do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara, acusa a Jácome de pretender que as propostas "se voten a cegas". Será incide na necesidade de "contar con documentación e informes técnicos sobre os pormenores de cada unha das propostas para poder avalialas polo miúdo e a partir de aí poder adoptar unha decisión, mais o Alcalde non soamente non ofreceu ningún tipo de documentación ou información adicional senón que o que pretende é que directamente digamos que sí ao que el di, que votemos a cegas".

Tamén o PSdeG no Concello de Ourense denuncia esta situación, alegando  que non se pode permitir que un alcalde, cando se lle esixe responsabilidade e rigurosidade, responda "atacando e manifestando que non volverá a buscar consensos políticos no que resta de mandato ou que non convocará máis a Xunta de Voceiro".

Desde o PP tamén denuncian unha falta absoluta de planificación e unha falta total de información por parte do Concello, pois "de ningunha das cuestións que nos expuxo o alcalde presentou unha proposta obxectiva nin acompañada dun mínimo de documentación ou datos".

Os populares aseguran que están a favor de suprimir a ORA, pero esixen información "veraz e clara". Nesta liña, entenden que hai cuestións importantes que teñen que estar definidas, a priori, como por exemplo cal é a alternativa de estacionamento para garantir a mobilidade dos ourensáns no centro da cidade.

Pero para o alcalde, estas argumentacións "non teñen sentido xa que se as propostas van a pleno, terán que posicionarse e votar a favor ou en contra".

Respecto ao COB, Jácome di que os grupos demandaban datos dos accionistas que estarían interesados: "é algo absurdo porque o que temos que decidir é se estamos dispostos a vender as accións do Concello e ofrecelas no mercado para dar entrada a novos accionistas". Un asunto que ademais, afirma, "non admite moita dilación porque hai que planificar a próxima temporada". Sen embargo, ningún dos grupos da oposición está de acordo co seu argumento.

“Esta cuestión foi tratada na mesma liña que a anterior, cunha falta de concreción total. O alcalde fala de posibles inversores, pero non nos transmitiu nada concreto”, critican os populares, que engaden que “toda decisión que tomemos sempre será en beneficio do clube, un referente deportivo e un sinal de identidade da cidade".

Tamén os nacionalistas esixen información ante esta medida. Para Seara, "tendo en conta a situación actual, na que existe un procedemento xudicial aínda pendente de resolución impulsado polo accionista maioritario, Grupo Hereda, e ante a falta de información sobre a situación real da entidade e o posicionamento da Deputación provincial, que tamén conta cun 16,5% do accionariado, desde o BNG consideramos necesario que sexa convocada unha reunión de todos os Grupos municipais á que asistan todas as partes implicadas para ser aclaradas todas as dúbidas que poidan existir".

Pola súa banda, desde o PSdeG de Ourense lembran que o Concello non pode desfacerse da súa participación no COB sen máis, nin sen ter datos ou garantías sobre os posibles inversores. "Todo elo, ademais, no medio dun proceso xudicial aberto por parte do último inversor, que precisamente viu da man do propio rexedor, e poñendo en risco o proxecto deportivo, a solvencia económica, a continuidade da área social e o mantemento dun club senlleiro marca Ourense".

Sen embargo, según o rexedor, as solicitudes de información e transparencia por parte dos grupos municipais non teñen sentido e o único que fai é bloquear ambas propostas. Por iso, ante es escenario, o alcalde comunicoulles aos portavoces da oposición que "esta é a última vez que os convoco. No que resta de mandato, nunca máis os chamarei porque o que fan é marear a perdiz, non din nada e bloquean os asuntos".

 

0.17181205749512