Jácome terá que pagar as gratificacións por xubilación aos empregados municipais
Dende o grupo socialista confirman que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, terá que restaurar e pagar as gratificacións por xubilación aos e ás empregadas municipais despois de “vender fume” e non respectar o acordo regulador vixente. “A nefasta xestión do xefe de persoal e rexedor, a súa ausencia de diálogo e negociación política e sindical e as súas medidas unilaterais para demonizar e culpabilizar ao funcionariado ante a cidadanía, convertiron ao Concello de Ourense na oficina de colocación de DO e nun auténtico caos a nivel laboral”, sinalan as e os edís do PSdeG.
Neste senso, e logo de preguntar durante o pleno ordinario do mes de setembro polos máis de 60 premios de xubilación que o executivo local ten paralizados dende 2022 (que ascenden a máis de 70.000 euros) e que a Xustiza tumbara varios nomeamentos e procedementos irregulares en materia de persoal, as e os socialistas denuncian que a intención de diálogo con empregados e empregadas e sindicatos é nula. “Semella que tamén pretende cargarse o proceso de estabilización e sacar adiante unha nova RPT delirante mentres é incapaz de poñer en marcha unha OPE decente e axeitada as necesidades de Ourense”, inciden.
Recordan, ademais, que a inquina de Gonzalo Pérez Jácome co funcionariado levouno a afirmar que consideraba que estos premios, cunha dotación económica de 1.100 euros, eran “inxustos e ilegais” e que sería a primeira das prebendas dos traballadores e traballadoras do Concello que pretendía eliminar.