Jácome volverá a levar ao pleno o alumeado de Nadal

OurenseXa
Os socialistas advirten de que o Concello non modificou "nin unha coma do expediente de alumeamento de Nadal" despois da súa retirada na anterior sesión
Alumeado de Nadal, Concello de Ourense
3 Xul 2024

As e os socialistas advirten de que se o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, volve levar a pleno, sen modificar nin unha coma, do expediente de alumeamento de Nadal despois da súa retirada na anterior sesión é porque é posible que exista un “pacto oculto” con algúns membros do PP para facilitar que saia adiante.

“O mesmo Partido Popular que di que quere unha alternativa de goberno estable para esta cidade segue a sentarse na mesa para soster na Alcaldía a Jácome e branquear a súa irresponsable e neglixente xestión”, denuncian dende o grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense.

Así mesmo, consideran “lamentable” que un partido político, e as persoas que o integran e representan, se vexa sometido, como vén sendo o caso nos últimos anos, a mandatos teledirixidos dende Santiago ou dende o Pazo Provincial, con intereses que non son precisamente os da veciñanza nin os da cidade.

No caso do expediente das luces de Nadal, lembran que xa aconteceu o ano pasado a mesma situación, cun expediente irregular e un contrato nulo, que finalmente o grupo municipal do PP facilitou que se aprobara cun mandato de abstención. “Intuimos que pode darse a mesma situación este venres e poden ser condeados a avalar e branquear as irregularidades do rexedor, coa correspondente responsabilidade legal”, subliñan.

E rematan solicitando aos e ás edís do PP que “reaccionen con valentía e coherencia neste e noutros asuntos, do contrario perderán toda a confianza e credibilidade que lles queda e serán definitivamente os máximos culpables de todos os danos que se produzan no Concello” no que resta de mandato da man de Gonzalo Pérez Jácome.

0.20373892784119