Javier Gándara Feijóo presenta en Celanova 'A música dos desprazados'

OurenseXa
A obra explora a relación entre migración, espectáculo e identidade colectiva e recupera unha peza teatral inédita en galego do século XVIII
presentacion-galeguidade-celanova
13 Jun 2026

A Casa dos Poetas de Celanova acolleu esta mañá a presentación do libro 'A música dos desprazados. Teatro lírico e galeguidade durante o longo século XVIII', unha investigación do investigador da Universidade de Santiago de Compostela Javier Gándara Feijóo, publicada por aCentral Folque.

O acto, celebrado o 13 de xuño ás 12:00 horas, contou coa presenza do propio autor e co acompañamento do poeta e prologuista Baldo Ramos e da poeta Alba Cid, ambos con vencellos coa vila de Celanova.

O volume propón unha revisión da historia cultural galega a través do teatro musical e das artes escénicas desenvolvidas entre mediados do século XVIII e comezos do XIX. A partir deste enfoque, o traballo analiza como certos elementos asociados á identidade galega actual puideron configurarse xa naquela época, moitas veces en contextos alleos ao territorio galego, ligados a procesos de mobilidade e emigración.

A investigación tamén destaca o papel das redes de intercambio artístico e cultural no espazo ibérico e atlántico, ofrecendo a imaxe dunha Galicia máis conectada e dinámica do que tradicionalmente se ten representado.

Como achega destacada, o libro incorpora a edición da Representación a San Roque, unha peza teatral do século XVIII ata agora inédita. O texto conserva pasaxes en lingua galega nun período no que o seu uso público era moi limitado, o que lle outorga un especial valor para o estudo da historia lingüística e cultural de Galicia.

0.11013197898865