Julio Díaz, ex presidente de ANPE: “Cada vez hai menos persoas que defenden a ensinanza pública, centrados no interese político e persoal”

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Julio Díaz Escolante, presidente da Asociación Nacional de Profesionales da Ensinanza (ANPE) de Galicia durante 19 anos, xubílase tras 32 anos de sindicalismo educativo
JULIO-ANPE
6 Sep 2026

Jessica Fernández

Tras tantos anos dedicados á Educación, lembra como comezou?

Tiven claro desde moi novo que quería dedicarme á docencia. Empecei Maxisterio e xa no segundo curso, con 19 anos, impartía clases particulares e tiña varios grupos de alumnos. Ese interese por ensinar trasladouse tamén ao ámbito do asociacionismo e da representación educativa. No ano 1994 asumín o compromiso de participar nunha organización sindical e, desde entón ata hoxe, levo 32 anos vinculado ao sindicalismo educativo. Ademais, desde 2007 exercín como presidente. Durante ese tempo contei cunha liberación sindical para desenvolver o meu traballo, aínda que de liberado non ten nada, porque a dedicación e a carga de traballo son moi intensas. Se teño algún arrepentimento, é unicamente non ter regresado á docencia activa nestes últimos catro ou cinco anos. Tiña unha praza de Pedagoxía Terapéutica no Centro de Educación Especial de Lugo e os rapaces son enormemente agradecidos.

Como valora a evolución da educación nestes anos?

A evolución da educación foi moi importante desde que comecei ata a actualidade. O profesorado está cada vez mellor formado e, teño que dicilo con todo o orgullo do mundo, contamos cun dos colectivos docentes máis preparados de todo o Estado. Así o reflicten informes como PISA e o prestixio que o profesorado galego ten a nivel estatal. Iso é, sen dúbida, unha gran satisfacción. Nos centros educativos tamén cambiou moito a realidade. A relación coas familias é totalmente distinta á de hai vinte anos. Os pais e nais están moito máis implicados na educación dos seus fillos, algo positivo en termos xerais. Porén, ás veces esa implicación extralimítase e convértese nun control excesivo sobre o profesorado. Hai que entender que os profesionais da educación somos nós e que sabemos perfectamente o traballo que temos diante. Ese é un dos grandes cambios das últimas décadas: as familias teñen cada vez máis presenza no ámbito educativo, pero tamén debería existir un límite. É fundamental manter unha boa relación entre familias e docentes, pero sen esquecer o papel que corresponde a cada quen. Ao mesmo tempo, a sociedade tamén mudou moito. En numerosas ocasións vemos como os problemas que existen nos fogares acaban trasladándose aos centros educativos. Eu creo que se foi perdendo parte da función dos pais e nais como referentes de autoridade e educación dos seus fillos. O teu fillo non é o teu colega. Hai que manter unhas normas e unha disciplina na casa, e eses valores tamén deben trasladarse á escola. Nunca se debería desautorizar un docente e menos aínda diante dun rapaz. Por desgraza, esa situación está a producirse cada vez con máis frecuencia. Polo tanto, houbo avances moi importantes no ámbito educativo, pero tamén existe unha crecente presión por parte das familias sobre o profesorado á hora de exercer a súa profesión. De feito, moitos docentes chegan á xubilación cansos da situación que teñen que afrontar en numerosas ocasións nos centros educativos debido a esa presión constante.

Estas problemáticas teñen a súa base no sistema educativo, non?

As leis educativas actuais son menos rigorosas e considero que non se pode estar cambiando constantemente de modelo educativo. Ademais, boto en falta unha maior cultura do esforzo dentro dos centros. Moitas veces non se transmite ao alumnado que conseguir as cousas require traballo e dedicación. Un estudante ve que un compañeiro promociona de curso practicamente sen esforzo e con varias materias suspensas, e iso acaba deteriorando o sistema. Ten que existir un mínimo de rigor e uns requisitos básicos. A xente debe entender que as cousas custan e que para conseguilas hai que traballar. Cando un rapaz se incorpora á vida adulta descobre que a realidade non é tan sinxela nin tan cómoda como ás veces se lle transmite. As familias tamén teñen un papel importante. Os nenos non son de cristal. Teñen que afrontar decepcións, superar dificultades e aprender a resolver problemas. Hoxe parece que se intenta evitar calquera contrariedade, e eu creo que iso é das peores cousas que lle poden pasar a un rapaz. Hai que ensinarlles que as cousas requiren esforzo, que existe a responsabilidade, a puntualidade e a disciplina no traballo. En relación cos exames de setembro, a súa desaparición responde a varios factores. Antigamente, cando un alumno deixaba materias pendentes para setembro, moitas familias facían un esforzo importante, reducían as vacacións ou buscaban apoio educativo para preparar esas probas. Había estudantes que chegaban a recuperar cinco ou seis materias. Co paso do tempo esa situación foi cambiando. En moitos casos os alumnos chegaban a setembro sen ter repasado practicamente nada durante o verán e con menos preparación da que tiñan en xuño. Por iso se optou por reforzar os procesos de recuperación ao final do curso, cando os contidos aínda están recentes e existe unha maior posibilidade de que o alumnado poida superar as materias cun esforzo adicional. O que máis me doe da evolución da educación é que, ao meu xuízo, xa non se lle concede á formación dos rapaces a importancia que tiña hai quince ou vinte anos. E iso ocorre a pesar de que hoxe as familias teñen máis preparación, máis recursos e os centros educativos dispoñen de moitos máis medios dos que existían noutras épocas.

Tamén se enfronta o profesorado a unha problemática complicada, o acoso nas aulas e nas redes sociais.

Si. Antes, se había acoso a un rapaz nun centro educativo, na maioría dos casos a situación remataba cando saía da aula e abandonaba o centro. Tiña un certo respiro ata o día seguinte, cando o problema podía repetirse. Hoxe a situación é moito máis complexa. Creo que os docentes temos que ter moitísimo coidado con estas cuestións e contar cunha preparación moito maior en todo o relacionado co acoso entre o alumnado. Non hai nada peor que un rapaz se levante cada mañá e vaia ao centro educativo con medo e presión. Iso acaba minando incluso as personalidades máis fortes. O papel das redes sociais complica aínda máis o problema, porque o acoso xa non queda dentro da aula. O alumno marcha para a casa, pero a presión continúa durante todo o día a través do móbil e das plataformas dixitais. Por iso, considero que o profesorado debería recibir unha formación moi específica tanto en materia de acoso escolar como no ámbito das novas tecnoloxías. Coa chegada da intelixencia artificial tamén será necesario contar cunha preparación avanzada para poder traballar e convivir con estas ferramentas. Se o profesorado non está formado e o alumnado si, créase unha fenda dixital entre ambos. E iso é das peores cousas que poden ocorrer no sistema educativo, porque os docentes non poden quedar desconectados dunha realidade tecnolóxica que xa forma parte da vida diaria dos estudantes.

Outros dos desafíos do profesorado actualmente é a diversidade e a migración, non?

Temos que asumir que a diversidade xa está presente nas nosas aulas e que vai ir a máis. As poboacións xa non son fixas, son cada vez máis dinámicas, e os movementos migratorios forman parte desa nova realidade que o sistema educativo debe afrontar. Para responder a esa situación hai unha cuestión básica: non lle podes ensinar nada a un rapaz se non te entende. No debate sobre o galego nas aulas, nós temos unha postura moi clara. O primeiro que debe facer un docente é comunicarse co alumnado nunha lingua que comprenda. Se un neno é castelanfalante, inicialmente hai que falarlle en castelán para que entenda o que se lle está explicando e, pouco a pouco, introducilo no galego. E ao revés, se é galegofalante, hai que falarlle en galego e ir incorporando progresivamente o castelán. O noso obxectivo é que, ao rematar o ensino obrigatorio, o alumnado domine por igual as tres linguas: galego, castelán e inglés. No caso do alumnado estranxeiro, moitas veces será necesario contar con máis recursos. Pode facer falta un segundo docente dentro da aula para axudar a aqueles alumnos que aínda non comprenden o idioma, explicándolles os contidos na medida do posible e facilitando a súa integración académica. Tamén haberá que organizar grupos de apoio, reforzos específicos ou atención individualizada para favorecer a aprendizaxe da lingua e a súa adaptación ao sistema educativo. Todas estas cuestións seguen, en gran medida, sen abordarse de forma suficiente. Galicia non é, polo momento, unha das comunidades con maior presenza de inmigración nos centros educativos, pero esa realidade irá medrando. Cada vez existe máis diversidade nas aulas e é positivo anticiparse a esa situación, aprendendo da experiencia doutras comunidades autónomas que xa levan anos afrontando estes desafíos.

Consideran que desde a Consellería de Educación se está a facer un bo traballo?

A Administración educativa ten que poñerse as pilas porque, en moitas ocasións, temos a sensación de que quedamos descolgados en cuestións fundamentais. Eu levo moitos anos negociando coa Consellería, discutindo cos oito concelleiros que pasaron durante estes anos, e creo que é necesario facer unha aposta moito máis decidida pola atención á diversidade. As aulas de hoxe non teñen nada que ver coas de hai trinta anos. Son espazos moito máis diversos, con alumnado de diferentes procedencias, con necesidades educativas específicas e con realidades lingüísticas moi distintas, e considero que esta situación non se está abordando coa profundidade que require. Neste contexto, a redución das ratios é fundamental. Con grupos numerosos e cunha diversidade cada vez maior resulta moi difícil ofrecer unha atención adecuada a todo o alumnado. Ademais, temos por diante outro reto importante, que é a coeducación e a atención personalizada. Hai situacións nas que un só docente na aula non é suficiente e nas que sería necesario contar con dous ou mesmo tres profesionais para responder ás distintas necesidades existentes. Outro aspecto pendente é o das instalacións educativas. Desde maio ata setembro rexístranse temperaturas que non son normais. Non é razoable ter 25 alumnos nunha aula a 37 ou 39 graos. Non estamos pedindo que se climatice todo o sistema educativo de golpe, pero si que se poña en marcha un plan progresivo, empezando polas zonas máis afectadas. A climatización das aulas, tanto para o verán como para o inverno, é unha cuestión que xa non pode seguir adiándose.

É sinxelo chegar a acordos entre sindicato e a Xunta?

Cada vez é máis complicado, porque falta seriedade nas negociacións. Moitas veces negóciase un acordo, péchase e, pouco despois, xa se está incumprindo. Nós temos un acordo asinado con esta Consellería e incluso tivemos que acudir á Xustiza por dous compromisos que, segundo a nosa interpretación, se incumpriron practicamente ao día seguinte da súa sinatura. Non rompemos ese acordo porque incluía medidas positivas, pero este tipo de situacións dificilmente terían ocorrido hai vinte anos. É unha das cuestións que máis me desencanta desta última etapa no sindicalismo. Teño a sensación de que cada vez hai menos persoas centradas en defender a ensinanza pública e máis preocupación polos intereses políticos e persoais. En Galicia existe ademais unha circunstancia engadida: a maioría absoluta do partido que goberna dálle unha capacidade de actuación que probablemente non tería noutras condicións. Iso deixa ás organizacións sindicais ante unha disxuntiva complicada: non asinar nada ou asumir o risco de chegar a acordos que despois poden non cumprirse. Tamén percibo unha diferenza importante na preparación das persoas que participan nas negociacións. As persoas que negociaban coa representación sindical hai quince ou vinte anos tiñan, na miña opinión, unha formación e unha experiencia que non sempre se atopan nos equipos actuais.

Que opina do sistema de oposicións?

O actual sistema de oposicións é un desastre. Levamos moito tempo reclamando ao Ministerio que o cambie porque, ao noso xuízo, é un modelo inxusto e desfasado. Non parece razoable que unha persoa estude 60 dos 75 temas do temario e non lle toque ningún dos que preparou, mentres outra pode ter estudado un número moi reducido de temas e, por casualidade, obter un bo resultado porque coincide co que sae no exame. Ademais, hai especialidades nas que os contidos evolucionan moi rapidamente. En materias como Informática, por exemplo, existen temarios que arrastran contidos de hai vinte anos e que pouco teñen que ver coa realidade actual. Os temarios deberían estar permanentemente actualizados e existir unha referencia oficial clara e homoxénea. Pero o problema non é só o sistema de exames. Tamén hai que revisar a forma na que se avalía a aptitude para exercer a docencia. Hai persoas cunha gran preparación académica que non están capacitadas para dar clase e outras que poderían ser docentes excepcionais e, con todo, quedan fóra do sistema. Por iso considero que deberían incorporarse outro tipo de probas que permitisen avaliar cuestións como a capacidade de comunicación, a relación co alumnado ou a habilidade para transmitir coñecementos. Un bo docente non se define unicamente polo que sabe, senón tamén pola súa capacidade para chegar aos rapaces. Tamén creo que sería conveniente establecer avaliacións psicolóxicas para as persoas que acceden ao sistema educativo, do mesmo xeito que ocorre noutros ámbitos profesionais. Traballamos con nenos e adolescentes e non nos podemos permitir que persoas sen a preparación emocional ou psicolóxica adecuada asuman responsabilidades tan importantes dentro das aulas. O sistema educativo necesita profesionais capacitados, preparados para afrontar os retos actuais e para acompañar o alumnado no seu desenvolvemento persoal e académico. Por outra banda, considero que existe un problema de fondo que afecta a toda a educación: cada cambio de goberno adoita traer consigo unha nova lei educativa. Iso xera unha enorme inestabilidade. O que fai falta é un gran pacto pola educación no que os principais partidos políticos acorden unhas bases comúns que permitan manter unha mesma lei durante dez ou doce anos, garantindo así estabilidade e continuidade ao sistema.

A pesar de todo, quédase co bo?

No ámbito do sindicalismo son moitas horas de negociación, de confrontación coa Administración e de intentar chegar a acordos. Na nosa organización somos todos profesores do ensino público e, por tanto, defendemos un ensino público de calidade. Hai cuestións das que estamos especialmente orgullosos. Unha delas foi conseguir que todo o profesorado de Galicia, arredor de 32.000 docentes, cobrara a paga extra correspondente ao ano 2012. Foi un logro acadado exclusivamente pola nosa organización. Tamén impulsamos o recoñecemento do dereito a que os familiares poidan gozar do día de matrimonio cando a celebración se produce en xornada laboral. Outro episodio que me marcou especialmente foi o relacionado coa dana en Valencia. Puxemos en marcha unha campaña solidaria para recoller material destinado aos nenos e nenas afectados. Mobilizamos as cinco sedes que temos en Galicia e organizamos unha recollida de material educativo por todo o país. Foi necesario desprazar furgonetas por numerosas localidades para reunir as doazóns e, finalmente, conseguimos enviar un tráiler completo de material escolar para Valencia. Foi un traballo moi intenso, pero tamén enormemente gratificante. Por iso digo que, máis alá das negociacións, a vida sindical resultou moi enriquecedora. Permíteche coñecer profesorado de toda Galicia, crear moitas amizades e vivir experiencias que deixan unha fonda satisfacción persoal e profesional.

0.16462898254395