Lara Méndez reivindica en Ourense unha Galicia con máis oportunidades para a xente nova

GaliciaXa | OurenseXa
A viceportavoz do PSdeG advirte das dificultades que afronta a mocidade para acceder á vivenda, ao emprego e a un proxecto de vida propio, e chama a seguir avanzando en dereitos fronte aos retrocesos da dereita
congreso-xuventudes-socialistas-ourense
6 Jun 2026

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, participou este sábado na inauguración do Congreso Nacional das Xuventudes Socialistas de Galicia, onde puxo en valor o papel da organización xuvenil como unha voz crítica, comprometida e imprescindible dentro do proxecto socialista.

Méndez agradeceu o traballo desenvolvido por Xurxo Doval á fronte da organización destacando a súa capacidade para manter unha posición firme mesmo nos momentos máis complexos para o partido, e felicitou a Ana Alvite pola súa elección como nova secretaria xeral, subliñando que chega ao cargo tras anos de militancia e traballo interno. A deputada destacou ademais que, por primeira vez, tanto as Xuventudes Socialistas de Galicia como as Xuventudes Socialistas de España estarán lideradas por mulleres.

Durante a súa intervención, Lara Méndez centrouse nos principais problemas que afectan á mocidade galega, como as dificultades de acceso á vivenda, a precariedade laboral ou a falta de oportunidades que obriga a moitos mozos e mozas a abandonar os seus lugares de orixe.

A secretaria de Organización referiuse tamén ao difícil momento que lle toca vivir á mocidade actual. Sinalou que moitos mozos e mozas atopan cada vez máis obstáculos para acceder a unha vivenda, conseguir un emprego estable ou desenvolver un proxecto de vida propio sen ter que abandonar Galicia. Por iso, chamou á mocidade socialista a implicarse e a non resignarse ante os problemas do presente.

Méndez reivindicou os avances sociais conquistados nas últimas décadas e advertiu do risco de retroceso que representan as políticas da dereita. Neste sentido, instou ás novas xeracións a seguir defendendo e ampliando dereitos, mantendo vivo o compromiso coa igualdade de oportunidades, os servizos públicos e a xustiza social.

A responsable socialista chamou a construír unha Galicia na que a xente nova poida desenvolver o seu proxecto de vida sen verse obrigada a marchar e asegurou que as Xuventudes Socialistas son unha parte esencial do proxecto de futuro do PSdeG e da alternativa progresista para Galicia.

0.12280297279358