Leiro propón unha nova captación no río Avia para reforzar o abastecemento de auga

OurenseXa
O proxecto, que incluiría unha estación de bombeo e unha condución ata a planta potabilizadora, será analizado tecnicamente para valorar a súa viabilidade e posible financiamento
Francisco José Fernández e Ángeles Vázquez
21 Oct 2026

O Concello de Leiro puxo enriba da mesa un proxecto para reforzar a subministración de auga potable no municipio mediante unha nova captación superficial no río Avia. A proposta, presentada polo Concello, contempla a construción dunha estación de bombeo e unha condución de impulsión que levaría a auga ata a estación de tratamento de auga potable (ETAP) da localidade.

A iniciativa foi trasladada polo alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nun encontro mantido o pasado luns en Santiago de Compostela. Durante a cita, ambos repasaron as distintas opcións dispoñibles para mellorar o servizo de abastecemento no concello ourensán.

Dende a Xunta confirmouse que o persoal técnico de Augas de Galicia revisará o proxecto municipal co fin de determinar a súa viabilidade técnica, así como para explorar posibles fórmulas de colaboración que permitan o seu financiamento.

Aínda que a xestión do saneamento, a depuración e o abastecemento de auga corresponde aos concellos, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mantén unha liña de apoio técnico e económico aos municipios galegos, co obxectivo de facilitar que estes poidan prestar un servizo de calidade á súa veciñanza de xeito máis eficiente.

0.12034010887146