Licitada por máis de 838.000 euros a mellora da depuradora de San Cristovo de Cea

A actuación permitirá corrixir deficiencias da infraestrutura e incorporar sistemas automatizados para mellorar a súa eficiencia
concello-de-san-cristovo-de-cea-aerea
17 Aug 2026

A Xunta de Galicia licitou por 838.072,44 euros, IVE incluído, as obras de posta a punto e mellora da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Cristovo de Cea. A intervención busca resolver as deficiencias técnicas que presenta actualmente a instalación e incorporar novos sistemas tecnolóxicos que permitan un funcionamento máis automatizado e eficiente.

Os traballos contemplan actuacións tanto na liña de auga como na de lodos. Na primeira substituiranse as dúas bombas existentes, instalarase un novo caudalímetro e construírase unha nova arqueta con dúas canles. Tamén se intervirá no sistema de pretratamento das augas residuais.

Na liña de lodos está prevista a substitución das bombas de recirculación e da destinada á purga, así como o cambio do actual sistema manual de deshidratación por outro automático.

O proxecto inclúe ademais diversas actuacións de acondicionamento das instalacións. Entre elas figuran a limpeza e impermeabilización interior das principais estruturas, a rehabilitación do edificio de explotación, a instalación dun sistema de control e xestión, a substitución do cadro eléctrico e do cableado dos equipos e a adecuación do camiño de acceso á EDAR.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de setembro. Unha vez resolta a licitación, a empresa adxudicataria terá un prazo de 12 meses para executar as obras.

A actuación forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de San Cristovo de Cea, cun investimento total superior ao millón de euros. Segundo o acordo, Augas de Galicia asumirá o 80 % do custo da renovación da EDAR, con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), mentres que o Concello achegará o 20 % restante.

A intervención intégrase nunha nova carteira de actuacións de abastecemento, saneamento e depuración no rural galego impulsada ao abeiro da programación FEADER-PEPAC.

A Xunta sinala que a planificación dos servizos relacionados coa auga no rural presenta dificultades específicas pola dispersión da poboación, o elevado número de núcleos e parroquias e a existencia de vivendas afastadas das redes principais. Por este motivo, as actuacións combinan diferentes solucións, desde ampliacións de redes de saneamento e novas depuradoras ata a renovación de instalacións, bombeos, colectores e ramais de conexión.

Neste marco, o Goberno galego está a impulsar arredor dunha trintena de actuacións, xa executadas, en obras ou en fase de tramitación, destinadas a reforzar os servizos básicos de abastecemento, saneamento e depuración no rural. O conxunto destas intervencións representa un investimento estimado de case 28 millóns de euros.

0.13505601882935