Licitadas as obras de humanización da contorna de Santa Baia de Berredo, na Bola, por preto de 190.000 euros

A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación as obras de humanización da contorna de Santa Baia de Berredo, no Concello da Bola, cun orzamento de 188.429 euros. A intervención forma parte do Plan Hurbe, a través do cal a Administración autonómica colabora cos concellos na mellora de espazos urbanos e rurais.
O proxecto desenvolverase nos lugares de Anxá e A Eirexa, onde se actuará sobre dous camiños que enlazan a estrada autonómica coa capela de Anxá e coa igrexa parroquial da Eirexa.
Na actualidade, estes viarios son utilizados tanto por peóns como por vehículos e presentan un pavimento deteriorado. A actuación prevista permitirá renovar o firme para mellorar as condicións de uso e a accesibilidade nestes percorridos.
As empresas interesadas en executar os traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 7 de setembro.
Esta actuación está regulada por un convenio asinado entre a Xunta e o Concello da Bola ao abeiro do Plan Hurbe. O investimento global ascende a 260.513 euros, dos que a Administración autonómica achega o 70 % do financiamento, ademais de asumir a contratación e execución das obras. Pola súa banda, o Concello fará fronte ao 30 % restante e encargarase posteriormente da conservación e do mantemento da infraestrutura.
Segundo explica a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, esta intervención forma parte da colaboración que mantén a Xunta coas entidades locais para impulsar actuacións de mellora das contornas urbanas e rurais, favorecer a accesibilidade, eliminar barreiras arquitectónicas e renovar equipamentos públicos co obxectivo de contribuír á revitalización e ao equilibrio territorial.
O Goberno galego sinala tamén que iniciativas como o Plan Hurbe buscan reforzar o papel dos núcleos rurais como espazos de prestación de servizos e dinamización económica, favorecendo que conten con infraestruturas e equipamentos semellantes aos dos ámbitos urbanos.