Luis Menor aposta por incentivar a presenza feminina na política
O candidato á presidencia do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, iniciou esta tarde nas comarcas de Celanova e Baixa Limia un percorrido pola provincia para presentar as súas propostas de partido aos 695 compromisarios que participarán o próximo 13 de xullo no 19º Congreso provincial extraordinario do PP ourensán.
Na sede popular en Celanova e no salón de actos do Concello de Bande, Luis Menor detallou un programa de partido estruturado en dúas áreas de traballo, orgánica e de funcionamento, para unha nova etapa popular cuxo obxectivo é “transmitir orgullo de partido”.
Polo que respecta á área de organización, o candidato formulou propostas que teñen como finalidade ofrecer máis asesoramento xurídico e técnico aos portavoces municipais; dar protagonismo ás voces máis veteranas e á mocidade do partido; maior atención ao colectivo emigrante; continuar afondando na estrutura comarcal; e promover a afiliación.
Para o funcionamento do partido, Luis Menor propón unha maior coordinación entre cargos institucionais e electos nos distintos niveis de administración; formación adaptada ás necesidades dos representantes do partido; unhas sedes máis activas, xunto con encontros da militancia; e a procura de novos modelos de comunicación tanto interna como externa.
Secretaría de igualdade
Un dos aspectos nos que incidiu Luis Menor nesta primeira xornada de campaña interna foi a necesidade de incentivar a presenza feminina nos órganos do partido e, con elo, promover a incorporación de máis mulleres á vida política.
Neste sentido anunciou que creará unha Secretaría de Igualdade, co concurso da trintena de mulleres do Partido Popular que ocupan alcaldías, representan ao PP como portavoces municipais na oposición, altos cargos na Xunta de Galicia, parlamentarias galegas, e deputadas e senadoras (11 alcaldesas; 5 portavoces; 4 deputadas provinciais; 6 altos cargos na Xunta; 2 parlamentarias galegas; 2 deputadas no Congreso; e 2 senadoras).
O Partido Popular é a formación política con maior representatividade feminina no ámbito local, onde unha de cada dúas concelleiras galegas pertencen ao PP galego, lembrou Menor, quen destacou que o PP de Ourense ten o maior número de alcaldesas en comparación con outras formacións políticas. “Apostamos por unha igualdade real e efectiva, pero sen cotas, onde o que prima sexa a valía das persoas”, engadiu.