Luis Menor defende a ciberseguridade como piar de confianza e cohesión social

OurenseXa
O presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación cun modelo de modernización baseado na innovación, pero tamén na protección dos sistemas e da cidadanía.
menor-xornada-ourensec
8 May 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, salientou este xoves a relevancia da ciberseguridade como elemento clave para a confianza cidadá e a cohesión social durante a clausura da xornada “Del ciberdelito al juicio”, celebrada na Facultade de Informática.

O encontro reuniu especialistas do ámbito xurídico, policial e tecnolóxico, co obxectivo de analizar o fenómeno da ciberdelincuencia desde as súas distintas vertentes, desde a investigación ata a resposta xudicial.

Na súa intervención, Menor destacou o contexto actual de aceleración tecnolóxica e a necesidade de adaptación constante das institucións. Neste sentido, afirmou que a xornada é relevante “nun momento no que a transformación dixital avanza a gran velocidade e esixe respostas coordinadas, rigor técnico e compromiso institucional”.

O presidente provincial incidiu en que a ciberseguridade non se limita a un ámbito técnico, senón que afecta directamente aos dereitos da cidadanía, sinalando que “cando falamos de ciberdelito, falamos tamén de confianza, de garantir dereitos e de protexer ás persoas nun entorno cada vez máis complexo”.

Menor tamén lembrou a súa experiencia previa como letrado da Administración de Xustiza para remarcar o desfase entre a realidade social e a normativa, apuntando que “o Dereito sempre vai detrás da realidade, pero non pode permitirse chegar tarde”.

O presidente da Deputación advertiu de que a ciberseguridade non é un desafío exclusivo das grandes administracións ou empresas, senón que ten un impacto directo no ámbito local. Segundo sinalou, “non é unha cuestión que afecte só ás grandes cidades ou ás grandes empresas, senón tamén aos nosos concellos, ao tecido produtivo e á cidadanía en xeral”.

Neste contexto, defendeu a necesidade de reforzar o acompañamento aos municipios máis pequenos no seu proceso de dixitalización, para que poidan afrontar os riscos derivados do uso crecente das tecnoloxías.

Menor reafirmou o compromiso da Deputación cun modelo de modernización baseado na innovación, pero tamén na protección dos sistemas e da cidadanía. Así mesmo, valorou positivamente a celebración deste tipo de encontros, que permiten “crear cultura de prevención, fomentar a formación especializada e fortalecer a colaboración entre institucións e profesionais”.

Para concluír, o presidente provincial afirmou que a ciberseguridade é xa unha condición imprescindible para o funcionamento democrático e social, sinalando que “a ciberseguridade non é unha opción, senón unha necesidade para garantir a confianza democrática, a seguridade xurídica e a cohesión social”.

Ademais, lembrou a participación da Deputación no Centro de Operacións de Ciberseguridade para entidades locais, unha ferramenta orientada a mellorar a prevención, detección e resposta ante posibles incidencias dixitais nos concellos da provincia.

0.13562393188477