Luis Menor destaca o impulso do termalismo como “recurso sanitario e estratéxico” a través da rede de Vilas Termais

OurenseXa
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidiu hoxe en Alange (Badaxoz) a reunión do Consello de Goberno da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da FEMP
menor-vilas-termais
2 Jun 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidiu en Alange (Badaxoz) a reunión do Consello de Goberno da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da FEMP, un encontro no que puxo en valor o traballo desenvolvido no marco da rede de Vilas Termais, subliñando que contribúe a “fortalecer e consolidar” o termalismo como “recurso sanitario e estratéxico”.

A xuntanza desenvolveuse nun clima de consenso, segundo destacou o propio Menor, e serviu para avanzar nos obxectivos da sección, entre eles a ampliación da súa representatividade territorial coa incorporación de novos actores vinculados ao sector termal.

Un dos asuntos centrais da reunión foi a aprobación dunha proposta para modificar o Real Decreto 1030/2006, co obxectivo de que o Sistema Nacional de Saúde poida recoñecer e financiar as terapias balnearias como prestación sanitaria. Neste sentido, deféndese que o termalismo terapéutico debe entenderse como un recurso sanitario, social e territorial de carácter estratéxico, con beneficios avalados en diversas patoloxías crónicas e no envellecemento activo.

Neste marco, acordouse elevar á Xunta de Goberno da FEMP a petición ao Goberno de España para revisar o apartado de exclusións da norma, eliminando a referencia ao “uso de augas” e ao termo “balneario”, ao considerar que estas formulacións poden asociar esta actividade ao lecer e non ao seu carácter sanitario e preventivo.

Durante a reunión tamén se avaliaron os avances na incorporación de novos perfís á sección, tanto como entidades observadoras no ámbito público como colaboradores do sector privado, co obxectivo de reforzar a cooperación e ampliar o ecosistema termal.

Así mesmo, informouse da execución dunha subvención de 100.000 euros procedente da Secretaría de Estado de Turismo, destinada a proxectos vinculados á gobernanza, dixitalización e sustentabilidade dos destinos termais, con especial incidencia nos municipios ourensáns.

No ámbito formativo, aprobáronse tres accións de capacitación dirixidas a persoal técnico municipal, que se integrarán no Plan de Formación da FEMP 2026 e abordarán cuestións como a lexislación en materia de augas, a xestión das vilas termais e a posta en valor da súa identidade patrimonial.

Finalmente, confirmouse que a XIX Asemblea Xeral da Sección se celebrará en novembro en Archena (Murcia), onde se fará balance do exercicio e se formalizará a incorporación dos novos socios colaboradores.

0.1234769821167