Luis Menor destaca o papel da Enfermaría na cohesión territorial e na calidade asistencial da provincia

OurenseXa
O presidente da Deputación inaugurou as XV Xornadas de Enfermaría de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, subliñando o liderado desta profesión no futuro do sistema sanitario
xornadas-enfermeria-ourense-2026
12 May 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou este luns no acto inaugural das XV Xornadas de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, celebradas no Auditorio Municipal da cidade. Durante a súa intervención, puxo en valor o papel “esencial e insubstituíble” da enfermaría tanto na atención sanitaria como na cohesión territorial da provincia.

Menor definiu esta profesión como “o compromiso co coidado das persoas no seu estado máis puro”, destacando a súa capacidade para “acompañar, escoitar e soster aos pacientes nos momentos máis complexos”. Neste sentido, incidiu en que o labor dos profesionais de enfermaría vai máis alá da asistencia sanitaria, converténdose nun piar fundamental do sistema público de saúde.

O presidente provincial quixo tamén realizar un recoñecemento desde a perspectiva histórica, lembrando a conmemoración do 50 aniversario da Escola de Enfermaría, “un proxecto impulsado pola Deputación que marcou un antes e un despois na formación sanitaria da provincia”. Neste contexto, puxo en valor o papel das primeiras promocións, “mulleres pioneiras que abriron camiño con esforzo, disciplina e vocación de servizo”, e que sentaron as bases dunha profesión hoxe plenamente consolidada.

Menor subliñou ademais a continuidade do compromiso institucional coa enfermaría “desde o seu nacemento ata o seu presente e futuro”, destacando a súa evolución cara a un modelo profesional que integra coñecemento, investigación, innovación e capacidade de liderado.

En clave territorial, incidiu na importancia desta profesión nunha provincia como Ourense, caracterizada pola dispersión poboacional e o envellecemento, sinalando que estes profesionais “garanten que a atención sanitaria chegue a cada recuncho, convertendo a proximidade en calidade asistencial e en igualdade de oportunidades para toda a cidadanía”.

As xornadas, que se desenvolven baixo o lema “Da vocación ao liderado: a enfermaría que vén”, reúnen a profesionais do ámbito sanitario, científico e académico co obxectivo de compartir coñecementos, experiencias e boas prácticas, fomentando a innovación, a formación continua e a humanización dos coidados.

O programa inclúe tamén a participación de asociacións de pacientes, un aspecto que o presidente da Deputación valorou especialmente ao considerar que “incorporar a súa voz supón avanzar cara a unha sanidade máis participativa, máis próxima e máis humana”.

0.12113690376282