Luis Menor presenta 1.600 avais en apoio a súa candidatura á presidencia do PP de Ourense
Luis Menor presentou esta mañá 1.600 avais de afiliados en apoio a súa candidatura á presidencia do Partido Popular de Ourense, cara o 19º Congreso provincial extraordinario que se celebrará o próximo 13 de xullo no Pazo dos Deportes Paco Paz na capital.
Tras facer entrega dos avais á Comisión Organizadora do congreso, Luis Menor quixo expresar en primeiro lugar o seu agradecemento a todos os afiliados que, coa súa sinatura, “confían na miña proposta para levar ao Partido Popular de Ourense ao máis alto e consolidarnos como unha alternativa política útil e de gobernos serios e responsables para Ourense”.
O candidato lembrou que hai máis de sete meses aceptou a responsabilidade de dirixir un período de transición no partido, presidindo unha xestora que coas limitacións propias deste órgano provisorio “logrou dous importantes trunfos electorais e mobilizar masivamente á militancia e simpatizantes”.
As vitorias nas urnas e a resposta dos populares ourensáns ás súas propostas “son unha motivación extra para dar o paso e presentarme á presidencia dun partido no que vexo ilusión, moitas doses de entusiasmo e ganas de colaboración e traballo”.
O congreso de xullo, engadiu Menor, vai pechar unha transición modélica no PP de Ourense, “coa posta en marcha dun equipo de dirección lexitimado polos afiliados e disposto a demostrar que, máis aló dos necesarios órganos directivos dun partido, o que verdadeiramente lle importa a esta formación é Ourense”.
Unha vez ratificada a precandidatura pola Comisión Organizadora, Luis Menor poderá iniciar o próximo 22 de xuño e ata o 3 de xullo a campaña electoral interna, que segundo avanzou desenvolverá mediante encontros cos compromisarios en cada unha das comarcas da provincia.