Luis Menor preside a constitución das vicesecretarías e comités do PPdeOU

OurenseXa
A formación popular na provincia de Ourense continúa o seu proceso de organización coa posta en marcha destas seccións
Luis Menor preside a constitución das vicesecretarías e comités do PPdeOU
11 sep 2024

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, presidiu na tarde deste martes, 10 de setembro, a constitución das 13 vicesecretarías e 9 Comités de Traballo que conforman parte do organigrama da formación popular, cuxos representantes foron elixidos no congreso provincial extraordinario celebrado o pasado mes de xullo.

Logo da constitución, á súa vez, do Comité Executivo, o PPdeOU continúa o seu proceso de organización coa posta en marcha destas seccións, “que sempre estarán abertas á incorporación de persoas que desexen aportar novas ideas e traballo”, dixo Luis Menor na xuntanza.

O presidente provincial apelou ao compromiso adquirido polos titulares das vicesecretarías e comités para “non perder de vista a realidade que nos rodea”, un obxectivo que para Luis Menor pasa por tres premisas: “apego ao territorio, proximidade á veciñanza e moita escoita”.

O novo organigrama do partido, engadiu o presidente, ten como finalidade última deseñar liñas de accións en todos os ámbitos “que permitan ofrecer aos ourensáns da provincia unha resposta axeitada ás súas cambiantes necesidades, sen partidismos e só pensando no benestar das xentes e o futuro da provincia”.

Na reunión desta tarde quedaron formalmente constituídas as vicesecretarías de Organización; Igualdade; Mobilización e atención ao afiliado; Emigración; Coordinación territorial (con representantes de todas as comarcas); Termalismo; Turismo; Educación; Sanidade; Servizos sociais; Medio rural; Deporte; e Xuventude.

Polo que respecta ao comités, estes son os de Política Municipal; Emprego e Comercio; Relacións Institucionais e Interparlamentarias; Industria e Minaría; Reto Demográfico; Xurídico; Portavoces; e Veteranos. O Comité Electoral non entrou nesta convocatoria dado que as súas funcións e tempos están cinguidos aos procesos electorais.

A sede provincial dos populares acollerá o próximo xoves unha nova reunión, desta volta para a posta en marcha das 15 áreas de traballo que tamén forman parte do novo organigrama da formación ourensá.

Para ese día están convocados os responsables de Medio Ambiente; Política Europea; Infraestruturas; Cultura; Xustiza; Vivenda; Formación, Estudos e Programas; Cooperación Transfronteiriza; Innovación e Novas Tecnoloxías; Comunicación; Redes Sociais; Seguridade; Emerxencias; e Organización de actos.

0.15232491493225