Luis Menor proporá a Marta Novoa como vicepresidenta do Partido Popular de Ourense

"A presenza de Marta Novoa na vicepresidencia permitirá multiplicar a actividade do partido, así como a presenza do PP na sociedade ourensá", sinala Menor
Marta Novoa Iglesias
Marta Novoa Iglesias
11 Xul 2024

O candidato á presidencia do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, proporá no 19º Congreso provincial extraordinario do próximo sábado, 13 de xullo, a Marta Novoa Iglesias, alcaldesa de San Cibrao das Viñas e vicepresidenta da Deputación, como nova vicepresidenta dos populares ouensáns.

O candidato afirmou que Marta Novoa “ten demostrado unha ampla capacidade de traballo”, destacando a súa experiencia como xestora desde o ámbito local, o seu paso polo Parlamento de Galicia e a súa experiencia política. Luis Menor engadiu que a presenza de Marta Novoa na vicepresidencia permitirá multiplicar a actividade do partido, así como a presenza do PP na sociedade ourensá.

Marta Novoa, xunto con Sandra Quintas –proposta para a Secretaría Xeral- constitúen ademais “o exemplo perfecto da nosa posta polo municipalismo, piar fundamental da fortaleza do PP”, destacou Menor.

Novoa, pola súa banda, expresou o seu agradecemento por unha demostración de confianza que “vou devolver co compromiso de traballar polo partido e pola provincia”.

Parlamentaria, alcaldesa e vicepresidenta da Deputación

Marta Novoa Iglesias (San Cibrao das Viñas, 1980) é graduada en Enxeñería Industrial Mecánica, comezando a súa traxectoria profesional no sector da automoción e despois no aeronáutico.

No ámbito político, entre 2011 e 2015 foi segunda tenente alcalde do Concello de San Cibrao das Viñas e desde 2015 primeira tenente alcalde. En 2023 encabezou a lista do PPdeOU neste Concello, onde é alcaldesa con maioría absoluta.

Deputada no Parlamento de Galicia desde 2016 ata xuño de 2023, foi vicepresidenta da Comisión de Infraestruturas e Medio Ambiente, pasando máis tarde a ocupar a presidencia e portavocía da Comisión de Industria e enerxía. Desde 2022 foi tamén viceportavoz do grupo parlamentario popular.

En xullo de 2023 foi nomeada vicepresidenta da Deputación de Ourense.

0.092010021209717