Luis Menor reivindica tres anos de mandato cunha Deputación “máis social e municipalista”

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, fixo balance dos tres primeiros anos de mandato reivindicando unha transformación da institución provincial cara a un modelo máis centrado nos concellos, na cohesión territorial e nas políticas sociais. Acompañado polos integrantes do equipo de goberno, repasou as principais actuacións desenvolvidas neste período durante un acto celebrado no Pazo de Vilamarín, no que tamén marcou as prioridades para o último ano da lexislatura.
Durante a súa intervención, Menor destacou o incremento do orzamento provincial, que supera os 110 millóns de euros, e asegurou que ese aumento permitiu reforzar o apoio económico aos concellos, con máis de 103 millóns destinados ao financiamento municipal e unha dotación de 19 millóns para o Plan CooperOU. Ao mesmo tempo, criticou as limitacións impostas polas regras fiscais, que, segundo indicou, obrigaron a inmobilizar parte dos recursos da institución pese á súa situación financeira saneada.
Outro dos eixos do balance foi a captación de fondos europeos. A Deputación participou en decenas de proxectos comunitarios, entre os que sobresaen os Plans de Actuación Integrados de Valdeorras e Ourense Sur ou o PERTE da auga, que xa permitiu instalar miles de contadores dixitais en numerosos concellos da provincia.
O presidente tamén puxo en valor a colaboración coa Xunta de Galicia, que se traduciu en investimentos conxuntos para actuacións no rural, servizos sociais, turismo ou infraestruturas. Entre elas citou os programas de regadío na Limia, a prevención de incendios, a creación de prazas en centros de maiores, a finalización do parque acuático de Monterrei ou a modernización das prazas de abastos.
No apartado de infraestruturas, Menor salientou o incremento do investimento na rede provincial de estradas, que alcanzou os 25,5 millóns de euros durante o mandato, así como a resposta da institución fronte a episodios de incendios, inundacións e riadas. Tamén lembrou que a Deputación continúa prestando directamente servizos como a conservación das vías provinciais e a recollida de residuos en 60 concellos.
As políticas sociais ocuparon igualmente un lugar destacado no balance. Segundo explicou, o programa BenOurense incrementou os seus recursos, o Servizo de Axuda no Fogar ampliou a súa cobertura ata chegar a 91 municipios e máis de 1.100 usuarios, mentres que a teleasistencia gratuíta atende actualmente a máis de 3.000 persoas. A estas iniciativas súmanse as axudas á natalidade a través da Tarxeta ChegOU e os programas de igualdade desenvolvidos no rural.
O presidente provincial tamén incidiu na aposta polo termalismo como motor de saúde, envellecemento activo e dinamización económica, destacando o impacto do programa de Termalismo Social e a súa intención de continuar promovendo o recoñecemento das terapias balnearias dentro do Sistema Nacional de Saúde. Xunto a este ámbito, subliñou as accións de apoio ao tecido empresarial, ao turismo, á cultura, ao deporte e á transformación dixital da administración provincial.
Entre os retos para o último ano do mandato, Luis Menor avanzou a ampliación dos recursos do Plan CooperOU, a posta en marcha do Centro Intelixente para a Xestión Provincial da Auga, novas iniciativas vinculadas á intelixencia artificial e ao turismo intelixente, así como o reforzo das políticas deportivas e da colaboración cos concellos. Ademais, mostrouse convencido de que 2027 será o ano da Ribeira Sacra, confiando en que a súa candidatura a Patrimonio Mundial da UNESCO poida culminar con éxito.