Luis Menor salienta que “Ourense volve a ser a capital nacional do hóckey"
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe no campo de Mariñamansa, á selección española de hóckey feminino que está a realizar a súa concentración técnica en Ourense do 17 ao 21 de xuño.
Coa chegada da selección da absoluta feminina, adestrada por Carlos García Cuenca, “Ourense volve a ser a capital nacional do hóckey”, salientou o presidente provincial, que lles desexou para os novos retos competitivos “moita sorte e éxitos, pois o traballo que é o máis importante, está feito”. O equipo, integrado por 22 xogadoras máis o corpo técnico, chega a Ourense para prepararse para os vindeiros compromisos deportivos como as Olimpíadas de París 2024, logo de haber ganado o Hóckey Nations en Terrassa e clasificarse para a FIH Pro League 2024-2025.
Na concentración técnica que están a facer en Ourense, España xogará dous partidos amigables contra Francia: un terá lugar o 19 de xuño ás 18.00 horas, e o outro o 21 de xuño ás 11.00 horas, ambos no Campo Mariñamansa
O presidente provincial destacou a “gran tradición” que ten o Hóckey en Ourense que sitúa “a nosa cidade como a que máis practicantes ten desta disciplina deportiva do noroeste da Península”. Neste sentido, Menor destacou a idoneidade do noso territorio para acoller adestramentos e competicións de primeiro nivel, “un feito que se viu altamente reforzado coa chegada da Alta Velocidade”.
Cabe lembrar que a Deputación de Ourense colaborou coa reforma do campo de Mariñamansa, dotando á cidade e á provincia dunhas instalacións modélicas e únicas en Galicia. Estas instalacións inclúen o Centro de Tecnificación de Hóckey de Galicia (CeTeGa), situando en Ourense o eixo da organización, coordinación técnica e xestión de competicións e licencias, a promoción e divulgación deste deporte e a mellora e cualificación de xogadores, técnicos, árbitros e xuíces.