Luis Seara acusa a PP e PSOE de ter desaproveitado "unha oportunidade de ouro" para sacar a Jácome do Concello
Este venres celebrouse no Concello de Ourense unha Comisión de Pleno co obxecto de dictaminar até un total de 10 modificacións de crédito que sumadas, ascenden a un total de 22.293.576 euros e referidas a temáticas moi dispares pois preténdense mobilizar recursos nas Concellerías de Servizos Xerais, Seguridade, Benestar Sociais, Infraestruturas, Medio Ambiente ou Deportes entre outras.
Ditos expedientes foron retirados da orde do día a petición de PSdeG-PSOE e PP para, segundo eles, “un mellor estudo dos mesmos”, petición que contou co apoio do BNG. Ao tempo, ambos Grupos solicitaron a convocatoria urxente dunha Xunta de Portavoces, Xunta que o Alcalde fixou para as 12:00 horas de hoxe.
Á mesma acudiu o Portavoz municipal do BNG Luís Seara, quen manifestaba ao remate da reunión que “PSOE e PP tiveron unha oportunidade de ouro no momento en que o BNG puxo a súa sinatura para unha moción de censura, oportunidade que deixaron pasar”, referíndose ao feito de que ambos Grupos esgriman agora os mesmos argumentos incluso a través de comunicados idénticos.
No relativo ao proceso de estabilización, un dos temas tratados na reunión e un dos argumentos esgrimidos tanto por Populares como por Socialistas, Seara lembra que “desde o BNG xa dixemos desde o primeiro momento que nos opúñamos á modificación das Bases do proceso, unhas bases que xa foron empregadas, por certo, no Consello Municipal de Deportes e que agora o Alcalde pretende cambiar caprichosamente”.
En relación á situación económica do Concello, outro dos asuntos tratados, Luís Seara sinala que, “temos falado abondo da mesma. Temos denunciado a existencia dunha débeda oculta que negaba o Alcalde, que supera os trinta millóns de euros e que agora comeza a sair á luz”, e engade, “o que nos chama poderosamente a atención é que agora poñen o berro no ceo aqueles que lle teñen posto a Jácome unha alfombra vermella tras outra para seguir facendo o que lle peta”.
Finalmente e no que ten que ver coas dez modificacións de crédito que quedaron pendentes de ditaminar na Comisión de Pleno ao seren retiradas da orde do día, o Portavoz nacionalista di que “cando sexa convocado o Pleno, acudiremos como é lóxico e alí exporemos os nosos argumentos e diremos o que teñamos que dicir”.