Luz verde ao Plan Especial de Protección do núcleo rural de Santa Eufemia en Baños de Molgas

OurenseXa
O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé efectos ambientais adversos significativos na contorna
Santa Eufemia de Ambía
18 Apr 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao plan especial de protección do núcleo rural de Santa Eufemia, en Baños de Molgas, un instrumento que ten como obxecto establecer a ordenación do referido ámbito para garantir a súa delimitación e posta en valor primando a rehabilitación de construcións existentes e a adecuación de espazos e servizos públicos.

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático establece que non se prevé que o referido plan teña efectos ambientais adversos significativos sempre que se cumpran e atendan as condicións incluídas na propia resolución en cuestións relacionadas coa protección do patrimonio cultural, a paisaxe ou os servizos básicos e as súas conexións cos sistemas xerais exteriores ao ámbito sinalado.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan especial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibira ningunha.

Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor e ao órgano substantivo (en ambos casos, o Concello de Baños de Molgas) xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e nos próximos días farase público mediante o anuncio correspondente no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O obxecto deste plan é establecer unha ordenación detallada do núcleo tradicional de Santa Eufemia —catalogado como núcleo singular no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Baños de Molgas— e de acordo cos seguintes obxectivos xerais: delimitación e posta en valor do núcleo singular; mantemento da estrutura tradicional e cultural, primando a rehabilitación do tecido construtivo deteriorado; adecuación dos espazos públicos e mellora da funcionalidade dos servizos.

O ámbito de actuación comprende o núcleo de Santa Eufemia, que presenta en xeral un bo estado de conservación, e unha pequena superficie de terreos lindeiros de solo rústico de protección patrimonial, cunha extensión total de 22.813 m2. A planificación afecta á parte ocupada por vivendas e edificacións auxiliares de tipoloxía tradicional.

O catálogo do PXOM contén ademais varios elementos dentro do ámbito, incluíndo a Capela de Santa Eufemia, declarada Ben de Interese Cultural, unha casa con balcóns, numerosos hórreos e dous xacementos arqueolóxicos. Xa fóra do ámbito, na contorna próxima, atópase o Castiñeiro de Santa Eufemia, catalogado como árbore senlleira.

Para cumprir cos obxectivos do plan especial prevese o establecemento de normas específicas para a conservación e protección, referidas á regulación de usos e ás condicións de edificación e xestión de infraestruturas no núcleo, así como a redacción dun catálogo detallado do patrimonio cultural do núcleo.

0.12476086616516