M-Clan protagoniza esta noite a segunda xornada de festa no Pavillón dos Remedios

OurenseXa
O grupo murciano actuará a partir das 23:00 horas, seguido dunha sesión musical da Gramola
mclan-sevilla
18 Jun 2026

As Festas de Ourense continúan este segundo día cun programa centrado na música e no deporte, coa actuación de M-Clan como principal reclamo da xornada e diversas actividades que se desenvolverán ao longo da tarde e da noite.

A programación arrancará ás 18:30 horas no campo de vólei praia de Oira, cunha xornada de portas abertas de vólei praia dirixida a maiores de 15 anos, que se prolongará ata as 20:00 horas. Xa pola noite, ás 23:00 horas, o exterior do Pavillón dos Remedios acollerá o concerto de M-Clan, previsto ata a 01:00 horas. A continuación, desde a 01:00 e ata as 03:30 horas, o mesmo espazo será escenario da sesión musical A Gramola DJ's.

Ademais, continúan as actividades que permanecerán activas durante todas as festas. Desde as 11:00 horas abrirá na contorna da Ponte Romana o mercado medieval, con 90 postos de gastronomía, artesanía e alimentación, ademais dunha zona infantil con xogos tradicionais. O horario será de 11:00 a 01:00 horas, agás o domingo, cando pechará ás 22:00 horas.

No Parque da Ribeira de Canedo seguirá funcionando desde as 17:00 horas a xincana de inchables acuáticos, con horario de 17:00 a 20:00 horas durante mércores, xoves e venres. Pola súa banda, no Parque Barbaña manteranse as atraccións festivas desde as 19:00 ata as 02:00 horas.

PROGRAMA COMPLETO DAS FESTAS DE OURENSE 2026

No apartado de tráfico, manteranse os cortes relacionados coas atraccións festivas. Permanecerán pechados ao tráfico desde as 19:00 horas o Paseo Ponte Pedriña e a rúa Portocarreiro, no tramo comprendido entre a Travesía Portocarreiro B e a rotonda da rúa Fonte do Bispo. Ademais, continúa pechada a rúa Pardo de Cela entre a Praza de Concepción Arenal e a glorieta do Mundo debido á instalación dos escenarios, unha restrición que se manterá ata o luns 22.

0.10014581680298