Maceda acolle este sábado unha concentración de coches e motos clásicas

Este sábado 6 de xuño celebrarase en Maceda a Concentración de Coches e Motos Clásicas Maceda 2026, unha cita que reunirá vehículos históricos e afeccionados ao motor nunha xornada que partirá desde o Castelo de Maceda.
O encontro está previsto entre as 10:30 e as 11:00 horas no propio Castelo, punto de partida desta actividade que busca poñer en valor os vehículos clásicos e dinamizar a vida social e turística do municipio.
A continuación, os participantes realizarán unha visita ao centro de Maceda entre as 11:00 e as 12:00 horas, con parada na rúa Aureliano Ferreiro.
A organización ten prevista a participación de tres grupos de coches clásicos, que protagonizarán o desprazamento e as diferentes actividades programadas ao longo da mañá.