Maceda acolle unha xornada para informar sobre axudas ao emprendemento feminino e formas xurídicas

OurenseXa
A actividade, organizada polo Polo de Emprendemento de Baños de Molgas, celebrarase este martes 14 de xullo no salón de actos do Concello
xornada-emprendemento-maceda
13 Jul 2026

O salón de actos do Concello de Maceda acollerá este martes 14 de xullo, de 10.00 a 12.30 horas, unha xornada informativa centrada nas subvencións ao emprendemento feminino e nas distintas formas xurídicas para crear ou consolidar un negocio.

A actividade está organizada polo Polo de Emprendemento de Baños de Molgas e ten como obxectivo ofrecer ás mulleres emprendedoras información práctica sobre recursos, ferramentas e oportunidades de apoio para impulsar os seus proxectos empresariais.

Durante a sesión daranse a coñecer as principais axudas e subvencións da Consellería dirixidas tanto a novas emprendedoras como a aquelas que xa contan cun negocio en marcha. Ademais, abordaranse as diferentes formas xurídicas existentes para desenvolver unha actividade económica e os aspectos básicos que deben terse en conta á hora de iniciar un proxecto empresarial.

A xornada servirá tamén para presentar Medrando Xuntas, un programa orientado a acompañar ás mulleres emprendedoras mediante asesoramento, apoio e recursos destinados a fortalecer os seus proxectos.

O programa comezará ás 10.00 horas coa recepción das asistentes e a presentación da xornada. A continuación darase a coñecer o funcionamento do Polo de Emprendemento e os servizos que presta.

Ás 10.15 horas explicararanse as principais liñas de axudas e subvencións para mulleres emprendedoras, mentres que ás 10.40 horas abordararanse as distintas formas xurídicas que poden adoptarse para a creación dun negocio.

A partir das 11.10 horas, Álex Pereira ofrecerá un relatorio sobre economía social, e ás 11.50 horas Cristina Mosteiro presentará o programa Medrando Xuntas. A xornada concluirá cunha quenda de preguntas e resolución de dúbidas antes do peche previsto para as 12.30 horas.

A organización anima a participar a todas as mulleres que estean pensando en emprender, que acaben de iniciar a súa actividade ou que desexen coñecer novas oportunidades para facer medrar os seus proxectos empresariais. Para máis información pódese contactar nos teléfonos 672 944 055 e 672 929 814.

0.12315106391907