Maceda presenta o programa completo do Entroido de 2025
O Entroido de Maceda, declarado festa de interese turístico galego, regresa en 2025 cun amplo programa de actividades que fusionan tradición, gastronomía, música e diversión. Dende o 8 de febreiro ata o 7 de marzo, as rúas deste concello ourensán serán escenario dunha celebración que honra as costumes máis arraigadas, ao tempo que ofrece espazos de encontro para todas as idades.
A festa dará comezo o sábado 8 de febreiro co agardado Reparto de Mecos e a Solta do Burro, organizado pola Asociación de Comerciantes e o Barullón de Carguizoi.
O sábado 15 de febreiro será a quenda do Reinado entre Tioira e Carguizoi, cunha comitiva chea de música acompañada polos felos, as icónicas figuras deste entroido.
DIVERSIÓN PARA TODAS AS IDADES
O domingo 16 de febreiro, os máis pequenos poderán participar no Obradoiro de Compadres e Comadres, que terá lugar na Praza das Toldas. Unha chocolatada ao rematar o evento engadirá un doce toque á tarde familiar.
O venres 21 de febreiro, a gastronomía e a música serán protagonistas coa Ruta Tapa do Cocido de Entroido. Os bares locais serán punto de encontro mentres as agrupacións Xunqueireteiras e Rebulir animarán a velada. A noite culminará cunha festa a cargo de Os Festicultores ás 23:30 horas.
FIADEIROS E DESFILES
O Fiadeiro de Carguizoi será o evento principal do sábado 22 de febreiro, mentres que o venres 28 de febreiro, as Comadres celebrarán o seu día coa Subida dos Carros, unha cea especial na Dilixencia e un animado pasarrúas coa Charanga A Felga.
O sábado 1 de marzo, a xornada comezará cedo coa saída do autobús dos Felos ás 9:30 horas, seguida de pasarrúas con charangas e culminando coa espectacular Baixada da Marela ás 20:00 horas. A festa continuará ata a madrugada coa actuación da Charanga Mekánika Rolling Band.
O domingo 2 de marzo, o Fiadeiro de Calvelo incluirá unha actuación destacada de Davide Salvado e Fransy González, mentres que o luns 3 de marzo, a tradición continúa coa Baixada da Mareliña dende o Castelo de Maceda. Ao rematar, os asistentes desfrutarán dunha chocolatada.
O martes 4 de marzo será o día do Desfile de Entroido, un evento que encherá as rúas de cor, música e disfraces, acompañado por unha actuación dunha orquestra.
ENTERRO DO MECO
O venres 7 de marzo, o Entroido de Maceda chegará ao seu fin co tradicional Enterro do Meco ás 20:00 horas. Este acto simbólico, acompañado da Charanga A Felga e unha pinchada popular a cargo dos Taberneiros do Pobo, porá o broche de ouro a semanas de celebración.