Máis de 1.100 corredores participarán esta noite na Carreira do Centro de Ourense

OurenseXa
A proba ocasionará diversas restricións de tráfico a partir das 19:00 horas
Correndo por Ourense A Ponte
6 Jun 2026

Máis de 1.100 persoas está previsto que participen esta noite na Carreira do Centro de Ourense, unha proba integrada no circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”, organizada polo Consello Municipal de Deportes. A saída está programada para as 22:00 horas.

A carreira arrancará na rúa do Paseo, fronte á Delegación de Defensa, e percorrerá as rúas Concello, Xoán XXIII, Progreso, avenida de Pontevedra e Lamas Carvajal, para rematar de novo no Paseo.

Con motivo da celebración, a Policía Local do Concello de Ourense deseñou un dispositivo especial de tráfico co obxectivo de garantir a seguridade viaria durante o desenvolvemento da proba. As restricións afectarán de forma significativa á circulación no centro da cidade entre as 21:00 e as 23:00 horas aproximadamente.

Segundo informa o dispositivo, o primeiro corte producirase ás 19:00 horas na rúa do Paseo, que quedará pechada ao tráfico para permitir o montaxe da zona de saída e meta. A partir das 21:30 horas activaranse o resto de cortes e desvíos nas rúas afectadas polo percorrido.

Entre as principais medidas, a Policía Local detalla que Xoán XXIII se pechará á altura da avenida da Habana, con desvío do tráfico cara á praza de Concepción Arenal. No cruzamento de Xoán XXIII con Progreso e Ervedelo permitirase a circulación en dirección a Ervedelo e a Progreso en sentido Xardín do Posío, pero non o acceso en sentido ascendente cara á rúa Concordia nin cara a Xoán XXIII, quedando tamén restrinxido o acceso aos aparcamentos públicos da zona.

Así mesmo, a rúa Desengano permanecerá cortada desde a baixada da Praza de Abastos, con desvíos alternativos, mentres que en Parada Justel non se permitirá o acceso desde Doctor Fleming. No contorno da Praza de Abastos, o tráfico procedente do Posío será redirixido cara á Praza de Abastos número 1 e á rúa Doctor Fleming.

A Policía Local lembra que durante a carreira a calzada será compartida por corredores e vehículos no mesmo sentido, debidamente separados mediante balizamento, polo que solicita máxima precaución a condutores e peóns, así como o respecto estrito das indicacións dos axentes.

Tamén se informa de que os garaxes e prazas de aparcamento situados nas zonas afectadas non poderán ser utilizados entre as 21:00 e as 23:00 horas, e desde as 19:00 horas no caso da rúa do Paseo.

0.13746905326843